Aemos acolle unha xornada sobre novidades lexislativas
A Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) informa da próxima celebración dunha xornada centrada en novidades lexislativas relacionadas coa área penal.
Profesionais do Bufete Barrilero e Asociados exporán as novas responsabilidades penais en que empresa e empresarios poden incorrer, non só por aqueles actos derivados da súa xestión directa, senón por aquelas actuacións que se produzan no seo da actividade por terceiros alleos ao propio empresario. A través deste relatorio fiscal, que se celebrará o vindeiro xoves 13 de novembro ás 18.00 horas no Centro de Desenvolvemento Local de Mos, preténdese ilustrar sobre as principais novidades da reforma fiscal actualmente en tramitación co obxecto de facilitar unha adecuada planificación, aproveitar oportunidades, corrixir os riscos e optimizar a carga tributaria de cara aos próximos exercicios.
As persoas interesadas en asistir deben inscribirse chamando ao teléfono 986 498 820 ou escribir un correo electrónico á dirección gestion@aemos.es, indicando nome, cargo e razón social da empresa.
Programa
Ás 18.00 horas está prevista a recepción e entrega de documentación e, a continuación, José Mañas, presidente de AEMOS, e Joaquín Cardeal, avogado do Bufete Barrilero e Asociados, serán os encargados de abrir o acto.
A primeira das exposicións será ás 18.20 horas a cargo do avogado Martín Bilbao que falará da responsabilidade penal do empresario e da persoa xurídica tras as últimas reformas do código penal. Ás 19.00 horas dará comezo o segundo relatorio, da man de Javier Ruigómez, que virará ao redor das oportunidades da reforma fiscal.
A modo de clausura celebrarase unha mesa redonda e coloquio aberta á intervención dos asistentes.











