Adxudíada por 1,5 millóns de euros a seguridade e vixilancia do Museo, Príncipe Felipe e Escola de Canteiros
A Xunta de Goberno da Deputación adoptou, na súa reunión desta mañá, dúas medidas orientadas a garantir a seguridade na Administración Provincial.
Así, aprobouse a adxudicación do servizo de seguridade e vixilancia do Museo de Pontevedra, da Escola de Canteiros e do centro Príncipe Felipe á empresa Eulen Seguridad S.A.
O contrato terá unha vixencia de dous anos e conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros, a razón de 750.175,80 €/anuais.
Boa parte deste orzamento destínase aos diferentes edificios e salas do Museo, cun investimento de 1.197.900 millóns para os dous anos. O custe deste servizo obedece ás propias características do Museo, tanto polo número de edificios como polas pezas que custodia.
Seguros
Ademais, acordouse a prórroga dos contratos de seguros por un ano, cun importe total de 169.298,44 euros. Neste sentido, cómpre lembrar que o agrupamento dos diferentes seguros, realizada en 2011, permitiu aforros de ata o 43% nas primas.
Así, neste momento a Deputación ten contratadas 5 pólizas de seguro (Responsabilidade Civil Patrimonial; seguro todo risco de danos materiais; Seguro de obras de Arte; seguros de vehículos e maquinaria; e seguro de accidentes para o persoal) que agrupan a todo o persoal, bens e dereitos da Administración Provincial, mentres que ata 2011 había múltiples pólizas por cada tipo de risco cuberto (por exemplo, en seguros de danos materiais había 20 pólizas diferentes; 4 de responsabilidade civil, 4 de vehículos e maquinaria, 5 de accidentes …).
Agrupalos supuxo aforros que oscilaron entre o 36% do seguro de accidentes e o 43% dos seguros de responsabilidade civil. Tamén se acadou un aforro do 16% no seguro de obras de Arte, que asegura a colección permanente do Museo de Pontevedra.
Os seguros renovados hoxe son os seguintes:
| PÓLIZA | PRIMA ANUAL |
|---|---|
| Responsabilidade Civil | 49.000 euros |
| Todo risco danos materiais | 58.159,54 euros |
| Vehículos e maquinaria | 40.520 euros |
| Accidentes de empregados | 21.618,90 euros |
| TOTAL | 169.298,44 € |











