Adestramento para a internacionalización na CEO

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+

A CEO ultima os detalles do Programa de Adestramento para a Internacionalización, que se desenvolverá na súa sede do 24 ao 27 de novembro. Estimular e apoiar ás empresas da Eurorrexión para optimizar as súas capacidades de saír ao exterior, é o principal obxectivo tanto destas actividades como de todas as que desenvolveu o proxecto transfronteirizo ECICII desde que se puxo en marcha en 2012. Durante os 4 días desta iniciativa, a CEO levará a cabo unha completa axenda na que tanto os responsables de departamentos de internacionalización de pemes como os seus directivos, poderán obter a información, contactos e ferramentas para levar a cabo de maneira efectiva a internacionalización dos seus produtos e servizos.

Unha misión inversa con empresas colombianas será o punto de partida desde primeira hora do luns 24, tras a presentación do proxecto ECICII. As oportunidades de facer negocios no país suramericano, con participación de empresas de distintos sectores procedentes de alí, abrirá a sesión da mañá. Esta misión inversa tratará de facilitar as relacións comerciais entre pemes da Eurorrexión fabricantes ou comercializadoras de produtos cos distribuidores e importadores colombianos convidados a participar, prestando especial atención ao sector agroalimentario e dentro deste ao vitivinícola.

O programa de actos incorpora unha serie de axendas establecidas para as visitas a empresas da provincia, o que constitúe a mellor maneira de dar a coñecer a actividade empresarial e os produtos ourensáns. E tamén de primeira man explicarase como facer para internacionalizar, na xornada técnica ‘Unha primeira experiencia no exterior’, sesión na que se porá sobre a mesa un caso práctico para comentar a problemática, os trámites ou as barreiras que unha peme pode atoparse neste proceso.

21 de novembro de 2014 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.