ABANCA organiza na sede de FECIMO en Cangas unha xornada informativa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Mañá 25 de novembro, ás 20:45h da noite, terá lugar na sede da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo unha xornada informativa para as empresas asociadas organizada por ABANCA.

Baixo o título “Ao teu carón antes que ninguén”, responsables da entidade financeira presentarán aos asistentes os produtos e solucións que veñen deseñando nesta nova etapa da entidade co fin de satisfacer as necesidades que as pequenas e medianas empresas do Morrazo están a demandar.

As empresas asociadas a Fecimo que desexen participar na xornada informativa poderán confirmar a sua asistencia a través do teléfono 986305000.

INFORMACIÓN DAS XORNADA

Este encontro encádrase na iniciativa de ABANCA “Ao teu carón antes que ninguén”, que inclúe máis de 70 reunións comarcais con empresarios por toda Galicia durante os próximos dous meses.

As xornadas están dirixidas principalmente a pemes, micropemes, autónomos e comercios. A entidade conta para a organización dos encontros coa colaboración de asociacións empresariais, de comerciantes, clústeres e as principais organizacións sectoriais da comunidade.

Nas reunións, responsables das distintas direccións territoriais e de zona de Banca Minorista de ABANCA -e nalgúns casos, tamén representantes de Banca de Empresas- explican aos empresarios a transformación acometida pola entidade na súa nova etapa e a súa aposta decidida por apoiar o tecido produtivo a través do impulso do crédito.

Os representantes de ABANCA detallan nestes encontros os grandes eixos do plan global de apoio á empresa, así como as novas accións e liñas de crédito abertas pola entidade para dar resposta ás necesidades de pemes e autónomos. Entre as últimas accións dirixidas ao tecido produtivo destacan o Plan Activamos e o Plan de Dinamización do Comercio galego.

Plan Activamos

Para o Plan Activamos, ABANCA comprometeu 202 millóns de euros en crédito a familias, pemes, autónomos e corporacións locais. No caso das empresas, este plan oferta financiamento nas mellores condicións do mercado para a posta en marcha de novos negocios, circulante, novas contratacións nos xa existentes, novos investimentos empresariais e a realización de actuacións que contribúan a mellorar a eficiencia enerxética das empresas galegas.

24 de novembro de 2014 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.