A Xunta reúnese cos veciños da contorna das Fragas do Eume para consensuar o plan reitor do parque natural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Reunión cos veciños da contorna das Fragas do Eume

Reunión cos veciños da contorna das Fragas do Eume

A Xunta de Galicia, a través da directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, está a manter distintas reunións co fin de avanzar na redacción do Plan Reitor do Parque Natural das Fragas do Eume e así lograr acadar un documento o máis consensuado posible.

A directora xeral de Conservación da Natureza e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, recibiron ás asociacións de veciños que viven na zona protexida e na súa contorna, xuntanza que se une á mantida cos alcaldes da zona, e estudaron fórmulas que blinden e permitan compatibilizar a conservación no medio natural coas oportunidade económicas, sociais e culturais que ofrece esta zona de Galicia.

A directora xeral explicoulles que o Executivo autonómico ten como obxectivo potenciar esta área como destino turístico e preservar a súa riqueza natural, o que fai necesaria unha eficiente colaboración entre os distintos axentes da zona, co fin de aproveitar as potencialidades como destino cunha importante riqueza natural.

O plan reitor será un documento que integre as necesidades de conservación e restauración cos aproveitamentos tradicionais, cuxo mantemento é fundamental para garantir o desenvolvemento das comunidades que viven neste territorio.

Medidas de xestión

Nese sentido, determinase unha zonificación do territorio comprendido polo espazo natural, a partir da cal se definen as diferentes medidas de xestión que condicionen os usos, aproveitamentos e actuacións en cada unha delas; e unha regulación de usos e actividades, co fin de garantir os obxectivos de conservación da Rede Natura 2000.

Así, a directora xeral pediu aos veciños a súa colaboración na elaboración do plan e, a continuación, no proceso de información pública, para garantir e traballar a prol dun documento o máis completo posible que de resposta ás necesidades actuais e ás de futuro.

As Fragas do Eume constitúen unha das mostras máis importantes dos bosques sublitorais galegos. Esténdese entre os termos municipais de Cabanas, Pontedeume, A Capela, Monfero e Pontes de García Rodríguez, cunha superficie de 9.125,65 ha.

7 de novembro de 2014 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.