publicidade hoxe

A Xunta mellora os servizos de transporte no corredor Pontevea-Santiago harmonizando frecuencias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal PortadaTeo
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas presentou hoxe melloras nos servizos de transporte no Corredor Pontevea-Santiago, que entrarán en servizo a partir do vindeiro 1 de decembro. A directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, reuniuse hoxe con representantes dos concellos de Teo e A Estrada, aos que lles explicou estas optimizacións no transporte público.

Helena de Lucas informou dunha solución que engade unha frecuencia adicional de retorno dende Santiago, para facilitar a volta aos universitarios, e un cambio noutro horario para permitir unha saída adicional na mañá cara a Compostela.

Os veciños e representantes municipais mostráronse satisfeitos coa nova proposta, polo que a Dirección Xeral de Mobilidade emitiu hoxe mesmo unha nova resolución que entrará en vigor o próximo luns 1 de decembro.

Os novos horarios estarán dispoñibles nas marquesiñas do Concello de Teo, nas estacións de autobuses de Santiago e A Estrada e no seguinte enlace: http://tmg.cmati.xunta.es/horarios-area-de-santiago.

Con esta reordenación dos servizos a Xunta de Galicia pretende mellorar a mobilidade dos cidadáns destes concellos, facilitando así os percorridos entre os citados municipios e a capital galega. Tras varias xuntanzas entre a Consellería de Medio Ambiente e os concellos, mostra da importancia da coordinación e diálogo entre Administracións, conséguese unha mellora na oferta de servizos de transporte.

Cómpre lembrar que no mes de outubro a Dirección Xeral de Mobilidade ditou unha resolución para a harmonización do corredor de Cacheiras, tras manter varias reunións cos colectivos representantes de usuarios para axustar os horarios e axeitalos ás necesidades dos veciños. Non obstante, logo das solicitudes por parte de colectivos de Teo e A Estrada pola eliminación dalgúns servizos considerados prioritarios para os usuarios, que non foron reclamados no período de alegacións, a Xunta suspendeu a entrada en vigor da resolución para proceder a unha nova serie de reunións coas empresas prestatarias de servizos para acordar unha nova oferta.

14 de novembro de 2014 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.