publicidade hoxe

A Xunta licitará 7 contratos de conservación integral e vialidade invernal antes de que remate o ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseSan Cristovo de Cea
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licitará antes de que remate o ano 7 contratos que unen conservación integral e vialidade invernal para o período 2015-2019, cunha achega económica de 116 millóns de euros. Así o adiantou hoxe a conselleira Ethel Vázquez durante a súa visita ao Centro de Vialidade Invernal situado no Concello de Cea, un dos 27 puntos que a Xunta ten activado para garantir as condicións de circulación nos 5.503 quilómetros da rede autonómica de estradas durante o inverno.

A Xunta de Galicia vén de activar o Plan de Vialidade Invernal 2014-2015, que estará operativo dende o pasado 1 de novembro ata o vindeiro 30 de abril. Este plan, que implica un investimento de máis de 3 millóns de euros, contempla medidas e actuacións divididas en dous grupos: as preventivas, que permiten anticiparse aos posibles problemas que poidan xurdir; e as paliativas, que garanten a vialidade e intentan incrementar a seguridade nas estradas en condicións adversas.

Ethel Vázquez explicou que o plan operativo permite actuar para mellorar as condicións de circulación ante os efectos adversos que a meteoroloxía pode xerar no período invernal. Engadiu que o obxecto deste programa é mellorar as condicións de vialidade no inverno, que se poden ver dificultadas pola presenza de fortes choivas, a formación de placas de xeo, ou a aparición de neve.

O plan de vialidade require da posta a disposición de diferentes medios materiais (centros operativos, reservas de fundentes –sal ou salmoira- e maquinaria) e humanos. A aplicación destes medios levarase a cabo a través dos axentes dos servizos de infraestruturas de cada provincia, mediante os contratos de conservación integral, e nos centros de explotación das vías de alta capacidade.

Os traballos desenvólvense desde 27 centros operativos, utilizando 61 puntos de acopio de fundentes repartidos ao longo da comunidade e 70 vehículos (camións quitaneves, retroescavadoras, cos elementos de estendido e retirada de neve ou xeo necesarios). Nestas tarefas participa un equipo de preto de 500 persoas, entre técnicos e persoal de estradas.

Neste mapa sinálanse os puntos nos que se localizan os centros operativos.

Protocolo de actuación

A Xunta de Galicia ten establecido un protocolo de actuación en función das condicións meteorolóxicas nas que se atope a comunidade galega.

En situación normal, aínda que non haxa previsión de xeadas ou de neve, manterase unha constante vixilancia do tempo, consultando os partes e previsións meteorolóxicas emitidos pola propia Xunta de Galicia e por outros medios. A análise anterior compleméntase co percorrido diario das estradas, detectando calquera incidencia que se poida producir.

Ante a previsión de xeadas ou temperaturas baixas aplicaranse tratamentos preventivos, tales como o esparexemento de fundentes nos treitos nos que se prevexa a aparición de placas de xeo, mantendo un especial control en zonas problemáticas.

Ante unha previsión de nevadas levarase a cabo o esparexemento de sal ou salmoira nos tramos nos que se prevexa a aparición de neve, mantendo un control destas zonas problemáticas e preparando os equipos con cuñas ou follas quitaneves, por se fose necesaria a súa intervención. En caso de presenza de neve na calzada, procederase ao paso da coitela quitaneves e á inmediata extensión de fundentes, realizando posteriormente un control intenso das estradas afectadas por se fose necesario executar sucesivas aplicacións destas medidas.

Respecto ao tipo de fundentes a usar, o principal é o sal, que se emprega cando as temperaturas son superiores a -5ºC; tamén se utiliza, cando as estradas están secas, a salmoira (solución de sal e auga). A reserva inicial nos puntos de acopio achégase ás 5.000 toneladas de fundentes para esta tempada, que poden chegar a 9.000 en función das condicións meteorolóxicas. Para temperaturas inferiores a -5ºC é máis recomendable empregar mesturas de cloruro sódico con cloruro cálcico, ou soamente cloruro cálcico.

Información permanente

A Consellería de Medio Ambiente anima aos usuarios que realicen algún desplazamento a informarse da situación das estradas a través dos medios habituais (en internet, navegando a través das páxinas web da DGT para coñecer a situación do tráfico (www.dgt.es) e consultando as condicións meteorolóxicas no portal de MeteoGalicia (www.meteogalicia.es) e da Axencia estatal de meteoroloxía (www.aemet.es)).

Grazas a este plan a Xunta terá un perfecto coñecemento dos problemas que poidan xurdir en épocas de inclemencias meteorolóxicas, o que permitirá a toma de decisións máis axeitadas para cada situación a tempo, e conseguirá dar a solucións aos problemas eliminando riscos nas estradas.

21 de novembro de 2014 | 12:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.