A Xunta inviste 840.000 euros na execución dun aparcadoiro disuasorio en Santiago
O Consello da Xunta de Galicia aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Santiago de Compostela para a execución dun aparcadoiro disuasorio na Pontepedriña, por un importe de algo máis 840.000 euros. A actuación ten por obxecto o acondicionamento dun espazo non urbanizado nesta zona para destinalo a aparcadoiro.
Esta actuación, que se levará acabo a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), está encamiñada a solucionar un dos problemas máis significativos da capital compostelá como é a falta de espazo para aparcar e a intensidade de tráfico, con esta solución liberarase de vehículos particulares as rúas da cidade, logrando unha mellor mobilidade e facilitando así que os cidadáns se movan no transporte público.
Así, producirase unha mellora das condicións de mobilidade e accesibilidade das persoas ao promover infraestruturas que faciliten o intercambio entre modos de transporte e potencien a utilización de medios de transporte públicos e os desprazamentos menos contaminantes, co que se logra un beneficio na calidade de vida da cidadanía, con contornas urbanas seguras e mellor integradas co ambiente.
Actuacións que se van realizar
A área da que estamos a falar executarase nunha parcela proposta polo Concello compostelán e situarase baixo o viaduto do ferrocarril, moi próxima á estación do tren e nas inmediacións do nó de Cornes, entre a SC-20 e a glorieta de Galuresa, polo que conta cunha boa conexión coa rede viaria e ferroviaria de Santiago. Trátase dun espazo que xa estaba a ser utilizado de forma habitual coma aparcadoiro, aínda que de forma non regulada.
O aparcadoiro estará formado por dúas zonas diferenciadas, separadas pola rúa escultor Camilo Otero. Disporá de 184 prazas para vehículos (5 delas serán prazas reservadas a persoas de mobilidade reducida), ás cales se engaden 26 prazas para motocicletas.
A superficie ocupada polas prazas de aparcadoiro é a máxima que permite o planeamento urbanístico do Concello de Santiago de Compostela, unha vez realizada xa a modificación puntual correspondente. O deseño foi realizado de xeito que a infraestrutura acade a mellor integración ambiental no contorno, moi próximo ao río Sar e ao parque do Restollal.
Como aspectos salientables, no relativo á urbanización, cómpre sinalar que se se prevé a colocación de zonas verdes na parte central e na contorna do aparcadoiro, e que se proxecta a implantación de arboredo autóctono no ámbito do aparcadoiro, o cal mellora o paisaxismo da zona. Para o seu mantemento, instalarase unha rede de rega automática ao longo de toda a zona de verde con difusores e aspersores.
Así mesmo, proxéctase un pavimento permeable, técnica de drenaxe urbana sustentable que permite reducir os efectos negativos da actuación no réxime hidrolóxico e a calidade das augas e iluminarase a parcela con sistemas de iluminación led de baixo consumo.
Para evitar as posibles caídas de balastro procedentes da vía férrea sobre a zona do aparcadoiro, instalarase un valo de protección ao longo do viaduto do tren.
A actuación compleméntase co acondicionamento da parada de bus situada na rúa de Amor Rubial baixo o viaduto do ADIF, que irá acompañada cun aumento do largo da beirarrúa na zona de parada, e a mellora da iluminación da contorna, coa finalidade de potenciar no posible a mobilidade e a utilización de medios de transporte colectivos.
Coa sinatura do convenio, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, asumirá os compromisos de licitar, executar, dirixir e financiar as obras, segundo o proxecto redactado e aprobado por este organismo, e de financialas ata un máximo de 841.194,15 euros (100%) con anualidade en 2015.
Pola súa banda, o Concello de Santiago de Compostela porá á disposición da AXI os terreos necesarios libres de cargas e gravames e co réxime urbanístico adecuado para a execución das obras; obterá os permisos, licenzas e autorizacións regulamentarias e asumirá, unha vez realizadas as obras, a titularidade da infraestrutura e, polo tanto a súa explotación, mantemento e conservación.











