A Xunta destina 130.000 euros á recuperación dunha zona verde en Castelo, no Concello das Somozas
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, asinaron esta mañá o documento de conformidade para a concesión da subvención destinada á execución de diversos traballos de recuperación medioambiental e mellora do contorno. O Goberno galego, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, financiou integramente estas actuacións cunha achega de 128.322 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico.
Nun encontro de traballo co rexedor, a máxima representante do Executivo autonómico na provincia analizou o resultado das actuacións levadas a cabo con estes fondos, que consistiron na recuperación e rexeneración dunha zona verde no lugar de Castelo. Alí, traballouse sobre unha parcela de 40.960 metros cadrados de superficie, na que se acometeron labores de roza e limpeza superficial do terreo a través de medios mecánicos, o estendido de terra vexetal e a plantación de céspede.
Once municipios das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal beneficiados
Do Campo recordou que este é o quinto ano consecutivo no que once concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal (A Capela, As Pontes, As Somozas, Cariño, Cedeira, Mañón, Monfero, Narón, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño) optan ás subvencións en réxime de concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, ao atoparse o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou estar afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Estes municipios suman 616 aeroxeradores dentro dos seus límites, mentres que sete deles dispoñen de máis de 80.000 metros de liñas de conexión. En total, recibirán algo máis dun millón de euros.
Concello |
Aeroxeradores |
Metros de liña |
Subvención |
A Capela |
11 |
— |
15.774 euros |
As Pontes |
139 |
56.039 |
294.859 euros |
As Somozas |
87 |
2.851 |
128.322 euros |
Cariño |
44 |
— |
63.096 euros |
Cedeira |
70 |
308 |
102.380 euros |
Mañón |
73 |
2.548 |
109.025 euros |
Monfero |
25 |
261 |
37.850 euros |
Narón |
6 |
— |
8.604 euros |
Ortigueira |
116 |
17.977 |
196.990 euros |
San Sadurniño |
26 |
139 |
39.284 euros |
Valdoviño |
19 |
— |
27.246 euros |
TOTAL |
616 |
83.111 |
1.023.427 € |
As axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Precisamente, Do Campo destacou que un ano máis a Xunta autoriza aos concellos beneficiarios a dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, neste exercicio, o Fondo de Compensación Ambiental pode tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.
Segundo subliñou a delegada territorial, o fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois, explicou, “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, concluíu.