A Xunta de Goberno aproba uns orzamentos por importe de 103 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou definitivamente esta mañá o Orzamento Xeral do Concello de Ourense, formado polos orzamentos do propio Concello, por importe de 103.897.640 euros, e do seu organismo autónomo, o Consello Municipal de Deportes, por 4.002.712, para un importe total de 107.900.352 euros.

No acordo, o goberno municipal estima a alegación presentada pola Sociedade Galega de Medio Ambiente, SOGAMA, e polo grupo municipal do PP no Concello de aplicación do novo canon por tratamento de residuos establecido pola Xunta, e desestima as restantes alegacións presentadas polos grupos de PP, DO e o sindicato CIG co apoio dos informes dos diferente servizos municipais. Inadmite a presentada pola asociación veciñal Carlasca por non axustarse a ningún dos supostos establecidos na normativa.

Os orzamentos aprobados esta mañá entrarán en vigor coa súa publicación no Boletín Oficial da Provincia. Isto permitirá fundamentalmente activar as partidas orzamentarias destinadas á realización de investimentos na cidade e as partidas orzamentarias destinadas a convenios de colaboración con diferentes colectivos, como os que se desenvolven o seu labor nos ámbitos sociais, da saúde, culturais e veciñais, que non se podían efectuar cos orzamentos prorrogados.

Resolución de alegacións

As alegacións presentadas aos orzamentos resólvense en Xunta de Goberno Local, atendendo ao indicado en 4 informes recabados polo goberno municipal: os de Asesoría xurídica, Oficialía maior (a actual e a anterior) e Secretaría Xeral do Pleno, que entenden que o órgano competente para resolvelas é a Xunta de Goberno Local.

Das alegacións presentadas, estímase a presentada pola Sociedade Galega de Medio Ambiente, SOGAMA, e polo grupo municipal do PP, de aplicación do novo canon por tratamento de residuos establecido pola Xunta. O Concello recoñece polo tanto a aplicación do novo canon aprobado pola Xunta e garante a suficiencia de crédito para facerlle fronte, según pon de manifesto o informe de Órgano de Xestión Económica e Orzamentaria, que advirte que hai crédito suficiente para facer fronte aos pagos sen necesidade de modificar ningunha partida.

 

14 de novembro de 2014 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.