publicidade hoxe

A Xunta colabora co Concello de Vila de Cruces na reforma do entorno da Praza de Abastos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVila de Cruces
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Vila de Cruces para, en compaña do alcalde da localidade, Jesús Otero, comprobar as obras de reforma da praza de abastos que están a piques de rematar.

Na visita estivo acompañado polo xefe territorial de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial Santomé.

Tal e como recordou o delegado territorial, a orde da Consellería (do 12 de marzo de 2014) á que se acolleu o concello de Vila de Cruces, estableceu as bases reguladoras para a subvención de proxectos municipais co obxectivo de mellorar os mercados e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia.

O proxecto de Vila de Cruces supuxo un investimento global de 42.373 euros, dos cales 31.779,75 foron aportados pola administración autonómica, “é dicir, o 75% do total”, explicou Cores Tourís. As obras consistiron na mellora da praza de abastos, coa reparación de humidades na fachada principal e dos postos situados debaixo das escaleiras de acceso á praza. Cambiouse tamén o pavimento do mercado e das rampas, a carpintería de madeira e a metálica, pintarase e levaranse a cabo labores de limpeza e cambio de luminarias. Ademais, do total da axuda, 1.800 euros destinaranse á formación dos comerciantes a través dun curso de mentoring.

“A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio”, recordou, o delegado territorial. “Non podemos esquecer que, para estes efectos, as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles e, moi especialmente, os mercados municipais, que teñen unha singular significación por constituíren espazos de centralidade comercial, que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, a horta e a gandaría”, engadiu.

Por estas razóns, considera Cores Tourís que “é preciso adaptar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores, dende o momento en que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e a rexeneración dun contorno urbano das vilas e cidades”.

Neste senso, “resulta oportuno establecer unha liña de colaboración entre concellos como, neste caso o de Vila de Cruces, e a Consellería de Economía e Industria de cara a acadar un modelo de calidade baseado nos principios de accesibilidade, sustentabilidade ambiental, organización e xestión de servizos, e convertelos en centros especializados en produtos da compra cotiá, desenvolvendo unha xestión global aos intereses dos comerciantes e dos propios consumidores, creando así tamén unha rede de mercados de Galicia”, explicou o delegado territorial.

Deste xeito, a Xunta impulsou en 2014 actuacións por un total de 5,5 millóns en toda Galicia destinadas a potenciar os mercados de abastos e a impulsar a competitividade do comercio de proximidade, para os que facilitará axudas por un montante global de 3,8 millóns de euros.

En relación á provincia de Pontevedra, as axudas aportadas pola administración autonómica supuxeron case 2 millóns de euros (1.925.785,2 euros), facilitando así a execución de obras e melloras que contemplan un investimento total de 2.781.670,2 euros. “Este montante significa para a provincia de Pontevedra case a metade do total das axudas aportadas pola administración o que ven a demostrar a aposta dos concellos pontevedreses pola modernización e a renovación das súas prazas de abastos”, rematou José Manuel Cores Tourís.

5 de novembro de 2014 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.