A Xunta asegura que Vigo solicitou hai 5 días a publicación no DOG da adxudicación de pisos para a Cidade da Xustiza
A Xunta asegurou que o Concello de Vigo presentou fai só cinco días” a solicitude para publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a adxudicación de vivendas para a construción da Cidade da Xustiza e reiterou o seu compromiso de habilitar “as partidas necesarias” en canto o consistorio ceda os terreos.
Así o comunicou despois de que o alcalde, Abel Caballero, nunha rolda de prensa este luns asegurase que o Goberno local leva “tres semanas” pendente de que a Deputación de Pontevedra e a Xunta publiquen no BOP e no DOG, respectivamente, o anuncio para a poxa dos pisos da rúa República Arxentina, e acúsaos de ser “os que están a atrasar” o proceso.
A Administración galega incidiu en que a petición do Consistorio vigués foi presentado o pasado día 27 de outubro por vía ordinaria. “O que significa que se publicará en 15 días, cando podería publicarse por vía urxente, co que estaría publicado no DOG en 4 días”, argumentou.
“O Goberno galego leva cinco anos esperando a que o concello ceda os terreos e reservando tamén ano tras ano unha partida para levar a cabo esta importante infraestrutura xudicial”, insistiu a Xunta, que comentou que despois dese tempo seguen sen dispor deles.
En todo caso, a institución autonómica reiterou que cando dispoña dos terreos, iniciará os trámites para licitar as obras para construír a Cidade da Xustiza, unhas obras para as que garantiu que habilitará “as partidas necesarias”.











