publicidade hoxe

A Xunta aproba definitivamente o PXOM de Santiso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaSantiso
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, asinou hoxe a acta de aprobación definitiva do primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal de Santiso, que garante “un crecemento sustentable e ordenado durante os vindeiros 20 anos” neste municipio. O PXOM aprobado hoxe foi redactado cunha axuda económica de 110.000 euros da Xunta e substituirá as normas subsidiarias de planeamento que rexen neste concello desde o ano 1985.

Durante a visita que esta mañá realizou ao Concello acompañada da secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, a conselleira Ethel Vázquez asegurou que “hoxe é un día histórico” para Santiso, pero tamén para a Xunta, porque a aprobación definitiva do PXOM supón “un paso máis no bo camiño cara á ordenación territorial da nosa Comunidade”. Nese sentido, destacou que o de Santiso é o Plan Xeral número 45 aprobado desde o ano 2009 e con el son xa 80 os planeamentos urbanísticos galegos adaptados á lei vixente

No encontro que mantivo co alcalde de Santiso, Manuel Adán López, a titular de Medio Ambiente, Terrritorio e Infraestruturas salientou que o PXOM é “o documento máis importante para un municipio” e felicitou ao equipo redactor por facer realidade o documento, que outorga seguridade xurídica a Santiso e planifica o seu correcto desenvolvemento.

Así, remarcou que o Plan Xeral aprobado establece que o 90% da superficie municipal é solo rústico protexido, co que se recoñecen e garante os valores físicos e ambientais de Santiso, destacando a Zona de Especial Conservación (ZEC) Serra do Careón, ou os hábitats prioritarios concentrados nas beiras do río Ulla e do seu afluente, o Furelos.

Ethel Vázquez subliñou, ademais, que o PXOM recoñece os asentamentos no rural coa determinación de 108 núcleos rurais, todos xa existentes, ao tempo que planifica o desenvolvemento residencial do Concello e fai unha reserva de solo industrial de preto de 260.000 metros cadrados no futuro enlace da autovía Santiago-Lugo, prevendo un espazo para o desenvolvemento económico do futuro.

Finalmente, a conselleira salientou que con este instrumento de planificación se incrementan as previsións que marca a Lei no relativo á dotación de espazos libres e zonas verdes, que aumentan nun 31% o esixido por lei e multiplica por 3 a superficie de equipamento comunitario que impón a normativa.

No seguinte cadro indícanse os tipos de solo delimitados no planeamento de Santiso coas súas respectivas superficies.

SOLO
SUPERFICIE
%
TOTAL CONCELLO
67,45 km2
100,00 %
SOLO RÚSTICO
60,72 km2
90,02 %
PROTEXIDO
60,69 km2
89,98 %

Forestal

19,86 km2
29,44 %

Espazo Natural

13,47 km2
19,99 %

Agropecuario

20,67 km2
30,64 %

Augas

5,17 km2
7,66 %

Infraestruturas

1,29 km2
1,91 %

Patrimonio

0,23 km2
0,34 %
ORDINARIO
0,03 km2
0,04 %

SOLO DE NÚCLEO RURAL

3,37 km2
5,00 %
TRADICIONAL

 1,44 km2

2,13 %
ÁREA DE EXPANSIÓN
1,93 km2
2,86 %
SOLO URBANIZABLE
 0,29 km2
0,43 %
INDUSTRIAL
 0,26 km2
0,39 %
RESIDENCIAL
0,03 km²
0,04 %
SOLO URBANO
0,29 km2
0,43 %
CONSOLIDADO
 0,29 km2
0,43 %

DPH ENCORO DE PORTODEMOUROS

2,78 km²
4,12 %

Na liña da nova Lei do solo

A titular de Medio Ambiente indicou que o Plan Xeral de Santiso camiña na mesma dirección que a nova Lei do solo que se está a tramitar actualmente, e que inclúe criterios paisaxísticos para protexer o rural e para dinamizalo e darlle vida. Con ese obxectivo sinalou que a Lei fai “un recoñecemento decidido polo solo rústico como solo produtivo, potenciando os seus usos económicos”, respectando ao mesmo tempo os valores naturais e culturais.

Ademais, destacou a figura dos plans básicos que introduce a nova Lei do solo, unha ordenación máis sinxela que fará posible que os concellos de menos de 5.000 habitantes que non foran capaces de aprobar o seu PXOM conten cun planeamento urbanístico. Trátase, afirmou Ethel Vázquez, “dunha achega desta Lei que beneficiará directamente a medio cento de concellos sen planeamento”.

Este instrumento de planificación, segundo dixo, lles permitirá aos concellos pequenos ofrecer “unha capacidade de acollida residencial e económica, favorecendo o seu desenvolvemento e loitando contra o seu despoboamento”.

21 de novembro de 2014 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.