A Xunta aposta en Tui pola educación como ferramenta para a erradicación da violencia de xénero
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou esta tarde as I Xornadas contra a Violencia de Xénero do Concello de Tui, onde apostou pola educación como a mellora ferramenta para erradicar calquera forma de violencia e destacou que “o respecto, a liberdade e a igualdade son tres piares básicos”.
López Abella participou neste acto en compañía do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, e destacou a pertinencia das xornadas xusto á véspera do Día Internacional para a eliminación da Violencia de xénero, que se celebra maña, 25 de novembro.
Na súa intervención, a secretaria xeral subliñou que se trata dunha loita que só se pode gañar “entre todos e todas” e por iso mesmo apelou á unidade de todas as forzas políticas e ao traballo conxunto de Administracións, Poder Xudicial, Forzas e Corpos de Seguridade, medios de comunicación e asociacións especializadas, entre outros colectivos.
No caso da Administración galega, destacou que existen axudas, servizos e recursos para que as mulleres que “queiran romper o seu silencio e saír da morte en vida na que viven cando son vítimas da violencia machista”, poidan facelo.
A día de hoxe, en Galicia, preto de 700 mulleres teñen unha orde de protección e, concretamente na provincia de Pontevedra son 231, o 33 por cento do total. Ademais, segundo os últimos datos facilitados polo Consello Xeral do Poder Xudicial, no primeiro semestre do ano presentáranse 2.569 denuncias por violencia de xénero nos xulgados galegos, sendo Pontevedra a provincia con maior número delas, 1.098.
No que respecta ás axudas económicas concedidas pola Xunta ás vítimas de violencia de xénero, López Abella explicou que actualmente son 336 as mulleres que están a percibir estas axudas, e que tamén é a provincia de Pontevedra a que conta con máis casos en Galicia, 128 mulleres son as que reciben estas axudas, o 38 por cento.
Importantes avances na loita contra a violencia de xénero
Por último, a titular de Igualdade informou de que este ano o Goberno autonómico fixo importantes avances no desenvolvemento da Lei galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero, ao constituírse o Consello Galego das Mulleres e o Observatorio Galego da Violencia de xénero, en marzo e maio, respectivamente.
Ademais, en xuño tamén se puxo en marcha o Centro de Recuperación Integral para mulleres vítimas de violencia de xénero, que desenvolve un modelo de atención integral para as vítimas deste tipo de violencia; e a pasada semana constituíuse a Comisión Asesora de Publicidade non Sexista, que que velará pola eliminación do sexismo nas mensaxes publicitarias e pola incorporación de accións positivas que contribúan a erradicar todo tipo de discriminación por razón do sexo das persoas.











