A “Xornada Boas Prácticas na Mercadotecnia do Viño” alcanza o aforamento completo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+
Público asistente

Público asistente

Esta mañá a mercadotecnia constituíu a proposta formativa da EVEGA, nunha iniciativa que conseguiu reunir, na Casa da Cultura de Verín, a unha nutrida representación do sector profesional vitivinícola galego e na que participaron como relatores recoñecidos especialistas na materia. Así, co fin de destacar a importancia da mercadotecnia no mercado do viño, abordáronse as bases dunha estratexia de posicionamento do produto no mercado, con exposición de casos prácticos de éxito.

A xornada estivo estruturada en diferentes bloques temáticos. O primeiro dedicado á comprensión do mercado e que contou coa intervención de José Antonio Fraiz Brea, especialista en comercialización e investigación de mercados da Universidade de Vigo, e de Juan Antonio Vázquez Gancedo, director xeral da adega Martín Códax. Pasando, de man de Dionisio Oseira, director do Proxecto Maleta Hand Wines, á análise de Internet como canle de venda de produto. Interveu en seguinte lugar, María del Carmen Pita Urgoiti directora de Promoción e Turismo da Xunta de Galicia, que destacou a importancia que adquire o turismo na estratexia de venda. Sendo finalmente, Manuel Leza Rodríguez, xefe do departamento de deseño da empresa Coreti, o responsable de abordar o último bloque dedicado á imaxe corporativa, a importancia do deseño e o packaging.

Como peche, tras unha mesa redonda na que participaron todos os relatores, a xornada foi clausurada polo director da EVEGA, entidade organizadora, o tenente de alcalde do Concello de Verín e o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, ambos os organismos colaboradores nesta iniciativa.

13 de novembro de 2014 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.