A violencia contra mulleres con discapacidade é a protagonista da mostra “Descubre a nosa realidade!” que se inaugura en Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) conmemorará o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, coa inauguración en Monforte de Lemos da exposición fotográfica “Descubre a nosa realidade!”. Esta mostra, que conta co financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia a través do Fondo Social Europeo, reflicte situacións específicas de violencia exercida contra mulleres con discapacidade e o seu empoderamento.

O acto comezará ás 12:30 horas na praza de España, e vai contar coa participación da presidenta de Acadar, Mónica Álvarez San Primitivo; o alcalde de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez Díaz e a concelleira de Igualdade e Inmigración, Ana María Casal Rivas. En caso de choiva, trasladarase a inauguración á Casa da Cultura. As imaxes, nas que aparecen mulleres reais, poderanse visitar ata o vindeiro 29 de novembro.

Monforte de Lemos é a derradeira parada desta mostra itinerante, que pasou xa polas outras provincias galegas, con estadías nos municipios de Boiro, Bueu e O Carballiño. As persoas que se acheguen a visitala poderán coñecer as historias de mulleres reais, que foron retratadas co obxectivo de dar a coñecer modelos de referencia de mulleres con discapacidade empoderadas.

Todo o material fotográfico é inédito e pioneiro en Galicia, con autoría de Anxo Resúa Calo (Boiro, 1987) e Martín Pérez Fernández (Teo, 1991) e os versos que acompañan as imaxes son obra de Hadriana Ordóñez Otero (Rianxo, 1985).

O programa “Descubre a nosa realidade!”

A instalación fotográfica “Descubre a nosa realidade!” forma parte dunha iniciativa homónima desenvolvida por ACADAR e financiada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia a través do Fondo Social Europeo. O programa, que este ano celebra a súa cuarta edición, fai percorrido por un concello de cada unha das catro provincias galegas, desde o 27 de setembro ata o 29 de novembro.

Esta edición, ademais da pioneira exposición de imaxes, complétase con vídeos e diverso material gráfico, que se pode atopar na páxina web www.descubreanosarealidade.org. Todos estes recursos empréganse ademais nos Obradoiros de Acción Poética, que se realizan o día de peche de cada destino deste programa itinerante. O último será o 29 de novembro no Centro do Viño (Rúa do Comercio, 6). Impartidos pola actriz e directora Sther F. Carrodeguas, teñen a intención de concienciar e sensibilizar arredor das distintas formas de violencia específica contra as mulleres con discapacidade, ao tempo que buscan normalizar as capacidades das mesmas.

Os Obradoiros son unha actividade aberta ao público e gratuíta. Constan de 3 horas de traballo grupal, nas que se aborda a creación poética e corporal. Ao final da xuntanza, as performances creadas polas persoas participantes preséntase ao público a carón da exposición fotográfica e previamente ao acto de clausura do programa. As persoas que desexen inscribirse deben facelo no teléfono 674 073 092 ou no correo info@acadar.org.

24 de novembro de 2014 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.