A UAD de Monforte desenvolverá actividades de prevención no Día Mundial da Sida

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

O próximo luns día 1 de decembro celébrase o Día Mundial da Sida. Este ano o Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad, presenta unha campaña dirixida a toda a poboación coa finalidade de promover o diagnóstico precoz, baixo o lema: “A sida non é algo do pasado. Teno presente”.             

Como tódolos anos, a Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD), dependente da concellería de Sanidade que dirixe Antonino Luaces, súmase a esta iniciativa desenvolvendo actividades de prevención relacionadas con esta problemática. Este ano as actividades realizaranse nos centros escolares e situaranse mesas informativas nos tres institutos da cidade.

Os datos revelan que en España hai aproximadamente 150.000 persoas con infección por VIH e un terzo descoñéceo. Por este motivo o Ministerio de Sanidad lanza unha campaña co lema “Se tes dúbidas fai a proba”, que distribuíu a todas as CC AA para inserir nos seus comunicados e difundir a través das redes sociais.

No ano 2013, o diagnóstico tardío da infección por VIH en toda España foi do 46,6%. Analizando a información das comunidades autónomas que achegaron datos dende 2008 apréciase unha estabilización da situación, pois aínda que se observa un lixeiro descenso nas cifras este non é significativo. Por este motivo, o Ministerio de Sanidad segue recomendando a realización da proba do VIH. Esta pode facerse en toda España de forma gratuíta e confidencial. A devandita proba detecta, mediante unha sinxela análise de sangue ou saliva, a resposta que xera o organismo fronte ó VIH.

Co obxectivo de contribuír ao diagnóstico precoz e evitar así casos graves da enfermidade, a UAD realiza nas súas instalacións as probas rápidas de detección do virus a través dunha mostra de saliva, de forma totalmente anónima, confidencial e gratuíta. Os resultados coñécense en menos de 40 minutos.

Aínda que calquera persoa maior de 16 anos pode acceder á proba, está especialmente indicada para os que realizasen prácticas de risco, como poden ser, segundo Sanidade, homes que teñen sexo con varóns sen preservativo, heterosexuais con múltiples parellas sexuais e que non usaron protección, persoas que exercen a prostitución sen poñer barreiras ou toxicómanos que comparten xiringas e outros materiais para inxectarse drogas.

En ningún caso a proba é diagnóstica. Trátase dun primeiro resultado que, se é positivo, deberá ser confirmado cunha análise de laboratorio. Pero se o resultado é negativo, indica que hai un 99% de posibilidades de que sexa negativo, sempre que pasasen tres meses dende a última práctica de risco.

O obxectivo xeral desta campaña consiste en reforzar a idea de que a infección polo VIH é posible aínda nestes días e de que, en caso de dúbida, calquera persoa debe facer a proba.

30 de novembro de 2014 | 10:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.