A sondaxe sobre a Cruz do Castro demostra que a ferida segue aberta
O xoves 13 de novembro, na casa Galega da Cultura, organizada pola asemblea popular de Vigo, tivo lugar unha charla sobre a cruz do Castro e a pregunta de se a ferida está xa pechada na cidade.
O acto estivo composto de dúas partes. Na primeira falou o historiador e profesor universitario J.Ramón Rodriguez Lago, que se encargou da documentación e a explicación das orixes da cruz, o seu financiamento e raíz histórica para ilustrar aos presentes de todos os datos necesarios e desmontar mitos.
En segundo lugar falou Telmo Comesaña como presidente da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, que relatou dun modo máis persoal as motivacións e diferentes procesos que deron lugar á recente sentenza xudicial que se pronuncia sobre a súa derriba e que a alcaldía de Vigo decidiu recorrer. Finalmente abriuse un debate de opinións.
Na charla, os asistentes mostraron interese na quenda de intervención por dirimir as motivacións que podería ter o actual edil para manterse na súa postura de que a cruz permaneza en pé, condenando firmemente o gasto público que supón recorrer esta sentenza. Baralláronse como posibilidades, unha estratexia electoral ou un intento de evadir remover no pasado de Vigo para non reabrir certas feridas. Lembrouse que o seu argumento principal era que, desprovista de símbolos, para o alcalde soamente quedaba unha cruz relixiosa, no entanto, ningún eclesiástico se pronunciou sobre o tema ou mostrado interese en evitar a derriba esgrimindo esta razón. Lembrouse tamén que o simple feito de que este símbolo, de orixe falanxista e inaugurada polo caudillo, causase dor a tantos cidadáns, era unha motivación lexítima segundo dereitos fundamentais e internacionais para a súa derriba inmediata. O debate apuntou tamén que, para moitos, esta teimosía en manter a cruz é xa unha cuestión persoal para Caballero.
Todos os intervinientes coincidiron en que o monumento non era en realidade unha celebración da paz, xa que mesmo no seu día acordouse provelo dunha placa onde aclarase o seu significado de presunta memoria aos dous bandos, placa que nunca chegou a colocarse, aínda que si se desposuíu a construción dos iniciais símbolos falanxistas. A pregunta que expuña o debate, sobre se a ferida sobre a cruz fora pechada, saldouse cun rotundo non, apuntando os asistentes que calquera cuestión que proceda dunha minoría é sistematicamente ninguneada por non poder obterse dela un rédito electoral, motivo que, para o público, guiaría ao alcalde socialista a negar o pasado histórico.
O historiador invitado terminou lamentando o pouco lugar que para unha crónica saneada da Guerra Civil había nos temarios de historia actuais do sistema educativo, e cominou aos presentes a facer un traballo de pedagoxía aos máis novos sobre o relato do que ocorreu no país, con perspectiva e realismo.











