A Semana de Cine Submarino de Vigo acolle a estrea mundial dun documental de National Geographic sobre Chile

Presentación da Semana do Cine Submarino de Vigo
A Semana de Cine Submarino organizado pola Universidade de Vigo, que se celebrará entre o mércores e o venres desta semana, acollerá a estrea mundial dun documental sobre as Illas Desventuradas de Chile rodado polo cámara español Manu San Félix para National Geographic.
Este documental, que será presentado o xoves, recolle unha visión do “Chile máis salvaxe” durante unha expedición a estas illas prístinas, en cuxas augas, localizadas a unha distancia de 530 millas da costa chilena, é “a primeira vez” que se filma.
Así mesmo, durante este ciclo de cine proxectaranse outros cinco documentais, tres deles tamén internacionais -de National Geographic-, que tratan sobre o polbo xigante, sobre as paisaxes mariñas e as estruturas ocultas no océano, e sobre o mar de Gabón (África).
O ciclo complétase con dous documentais galegos do produtor e fotógrafo Jorge Candán. Estes filmes versan sobre o mexillón e “o duro traballo da súa explotación”; e sobre os ecosistemas submarinos de Galicia: “o impenetrable bosque de macroalgas, o bosque de algas verdes e o bosque de algas petrificadas”.
O vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Manuel Fernández Iglesias, destacou que, a través desta iniciativa, preténdese “sensibilizar á comunidade universitaria e á sociedade da importancia que o medio mariño ten para o futuro”.
VISITANTES
A organización, que indicou que xa hai reservas para 2.000 estudantes de colexios da contorna, trasladou que este ano espera superar o número de visitantes ao ciclo de cine, que na pasada edición fora de ao redor de 5.000 persoas, entre público en xeral e estudantes.
O evento, cuxa entrada é gratuíta, terá lugar no Centro Cultural Afundación. Así, as proxeccións para escolares iniciaranse ás 10,00 horas, mentres que as abertas para o público xeral empezarán no tres xornadas ás 20,00 horas e poderase entrar libremente até completar aforamento.











