A Semana da Ciencia comeza este sábado nos Museos Científicos Coruñeses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Concellaría de Cultura que dirixe Ana Fernández informa de que o vindeiro sábado, 8 de novembro, comeza a Semana da Ciencia nos Museos Científicos Coruñeses coa III Feira de Tecnoloxía Aberta, que se celebrará na Domus, con entrada gratuíta de 10.00 a 20.00 horas. Esta feira incluirá, entre as súas actividades, unha exhibición de proxectos, mini charlas, concursos, competicións e talleres lóstrego.

A Semana da Ciencia nos Museos Científicos Coruñeses continuará coa súa programación ata o 21 de novembro. Tras a celebración da III Feira de Tecnoloxía Aberta, a partir do luns 10, haberá sete días de portas abertas na Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae. Durante esa semana a entrada será gratuíta nos tres museos, ofrecendo aos visitantes a ocasión de coñecer as súas exposicións e participar nas numerosas experiencias interactivas que propoñen estes centros de ciencia coruñeses.

O acto central desta Semana da Ciencia será o sábado 15 de novembro, no que terá lugar a entrega dos Prismas á Divulgación Científica, no Salón de Plenos do Concello da Coruña. Entregaranse os Prismas de Bronce aos autores dos mellores traballos de divulgación científica nas modalidades de traballos en vídeo, sitios web e redes sociais, textos inéditos, libros editados, artigos xornalísticos, traballos en radio, artes escénicas, e o Prisma Especial do Xurado.Como inicio dos actos de entrega destes premios, a Domus acollerá a presentación de dous traballos premiados, o da categoría de mellor vídeo e o de artes escénicas.

PROGRAMA

– III Feira de Tecnoloxía Aberta. Sábado, 8 de novembro, na Domus. Organizada por BricoLabs en colaboración co Concello da Coruña, é un evento aberto e participativo sobre electrónica e software de uso libre. Durante todo o día haberá exhibición de proxectos de makers de Galicia e do resto do mundo, intercalados con mini charlas, concursos, sorteos, competicións, talleres lóstrego, entre outras actividades. Máis información e inscricións nos talleres: http://oshwdem.org/ Con motivo deste evento, celébrase unha xornada de portas abertas na Domus, de 10.00 a 20.00 horas.

– Xornadas de portas abertas, do 10 ao 16 de novembro. Entrada gratuíta na Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae.

– Nova exposición de fauna das profundidades no Aquarium Finisterrae.

– A partir do domingo, día 9, o tanque cilíndrico da sala Maremagnum exhibirá ao público unha colección de especies de fauna das profundidades.

– Actos de entrega dos XXVII Prismas Casa das Ciencias á Divulgación. 15 de novembro.

>11:00 horas, Sala Leonardo da Vinci da Domus: presentación do monólogo Mensaxe para Chuck Norris: non te metas a científico, por favor cho pido, por Arturo Quirantes Sierra, Prisma de Bronce en artes escénicas 2014; e proxección do vídeo Wildmed, o último bosque mediterráneo, de Arturo Menor Campillo, Prisma de Bronce 2014.

>13.00 horas. Entrega dos Prismas Casa das Ciencias á Divulgación no Salón de Plenos do Concello da Coruña.

– Exposición de traballo premiado na Feira Exporecerca Jove. Os días 15 e 16, na Domus, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas, dous estudantes de Secundaria premiados nesta feira científica exporán ao público a súa investigación: Fitotoxicidade para urea: unha análise dos efectos provocados polos ouriños caninos en contacto con céspede e posible obtención de formas resistentes.

– Curso de iniciación á astronomía. Do 18 ao 21 de novembro, de 19.30 a 21.30 horas, no Planetario da Casa das Ciencias. Dirixido a persoas maiores de 14 anos sen coñecementos previos na materia que desexen aprender a gozar da astronomía a primeira ollada.

6 de novembro de 2014 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.