A SD Sofán únese co Concello e a SD Agolada nun partido de fútbol solidario a prol de Cruz Vermella
O domingo 30 de novembro o Campo “O Carral” de Sofán acolle a celebración dun partido solidario para recoller alimentos non perecedoiros a beneficio de Cruz Vermella. Aproveitando que xoga na casa, a SD Sofán, coa colaboración da SD Agolada -equipo visitante-, o Concello de Carballo, a propia Cruz Vermella e La Voz de Galicia, aproveita a cita deportiva, prevista para as 16.15 horas, para que os afeccionados e afeccionadas realicen as súas doazóns. Matilde Anido, presidenta da Asemblea Local de Cruz Vermella en Carballo, subliña que desta volta as necesidades céntranse no aceite e nas latas de conservas, xa que o Banco de Alimentos ten proporcionado suficientes legumes, pasta e arroz para cubrir a demanda. Anido subliña que “todo neno debería ter dereito a gozar cunhas patacas fritas”, polo que espera que os veciños e veciñas respondan ás peticións de aceite e conservas, aínda que calquera alimento non perecedoiro será ben recibido. Así mesmo, quixo agradecer a achega dunha veciña de Zas que contribúe con catro sacos de patacas. O obxectivo é conseguir “que todos os nenos e nenas teñan no Nadal unha mesa mellor que a de todos os días”, explica Anido, ademais de cubrir as necesidades básicas de xente en dificultades.
Todo, en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero, nun “paso máis na solidariedade”. Ademais de no propio campo de fútbol de Sofán, onde haberá un espazo habilitado para recoller os alimentos, as doazóns tamén poden realizarse estes días directamente na sede de Cruz Vermella, situada na rúa Vázquez de Parga, nº 119, nas antigas vivendas dos mestres. O presidente da SD Sofán, Ricardo Serrano, quizo subliñar tamén a colaboración da SD Agolada, que realizará o domingo a súa propia achega, e desexou que esta iniciativa sirva para que nunhas datas tan sinaladas como as de Nadal, moita xente poida poñer un prato de comida na mesa. Serrano fixo unha chamada á participación dos veciños e veciñas e expresou a intención do club de seguir colaborando con Cruz Vermella con este tipo de iniciativas. Matilde Anido tamén aproveitou a ocasión para agradecer a colaboración do Sofán, unha entidade con máis de cen nenos e nenas nas súas escolas deportivas e máis de 50 na sección de maiores; e para subliñar o traballo que realiza Cruz Vermella. Así, a entidade conta cunha pequena oficina de emprego con 103 persoas inscritas das que 56 son mozos e mozas. Tamén atende a 76 familias (con 229 membros) a través do Banco de Alimentos e está recadando xoguetes -Anido subliña que as doazóns deben realizarse con xoguetes en bo estado- para que 210 nenos e nenas podan ter este Nadal o seu agasallo. Ademais, mantén un programa de ensino para maiores e para persoas inmigrantes.
O Concelleiro de Deporte Marcos Trigo, quixo felicitar tanto á SD Sofán como a Cruz Vermella por esta iniciativa solidaria, e tamén especialmente ao Sofán pola excelente tempada que está realizando o equipo. O Alcalde, Evencio Ferrero, fixo unha defensa do dereito dos cidadáns a contar cunha “alimentación digna”, pero tamén cunha “vivenda e un traballo dignos”, polo que subliñou a importancia de campañas como a posta en marcha pola SD Sofán e Cruz Vermella. Para Ferrero “todos temos a obriga de estar comprometidos cos demais” e espera que con este xesto “podamos trasladar a felicidade e a solidariedade a moitas familias”.











