A rúa Valle Inclán de Carballo será sinalizada como rúa de prioridade peonil cun límite de velocidade de 20 quilómetros por hora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

Nos vindeiros días, logo da colocación do mobiliario urbano na Rúa Valle Inclán, procederase a colocar a sinalización definitiva para a vía mediante os sinais S-28 e S-29 de rúa residencial. Segundo estudios do RACC, tense detectado que moitos conductores descoñecen a mensaxe do sinal S-28 de rúa residencial, polo que a Concellaría de Seguridade considera necesario reforzar a información sobre este sinal. O indicador S-28 alerta da entrada nunha rúa especialmente acondicionada para prioridade peonil, e na que se aplican as normas especiais de circulación seguintes: a velocidade máxima dos vehículos está limitada a 20 km/h e os conductores deben conceder prioridade aos peóns; os vehículos só poden estacionarse nos lugares designados por sinais ou marcas; os peóns poden usar toda a zona de circulación; os xogos e os deportes están autorizados nesta vía; os peóns non deben estorbar inutilmente aos conductores. O sinal S-29 indica o final da limitación e a volta as normas xerais de circulación.

Convén recalcar que a rúa é de prioridade peonil, polo que as persoas poden desprazarse dun modo imprevisto e é posible que non vexan os vehículos, por iso é sempre recomendábel adaptar a velocidade ao máximo permitido na vía (20 km/h), manter unha distancia apropiada e, ao achegarse aos peóns, adoptar as precaucións necesarias para a súa seguridade, especialmente cando se trate de nenos e nenas, persoas anciás ou persoas con mobilidade reducida. Os peóns son as persoas máis fráxiles na circulación e a súa seguridade depende en grande medida do comportamento dos condutores.

10 de novembro de 2014 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.