A rúa García Lorca cambia de sentido permitindo o acceso a López Cuevillas dende Doutor Tourón
O Concello pon en marcha esta semana a reordenación do tráfico na contorna do centro Comercial a Xunqueira co obxectivo mellorar a fluidez nunha concorrida zona na que se rexistra moito tránsito de vehículos particulares e de carga e descarga das superficies comerciais alí instaladas. A Rúa García Lorca cambiará de sentido e permitirase acceder a ela dende Doutor Tourón. Para isto habilitarase un carril de incorporación nesta vía.
A medida anunciada en verán non se puido levar a cabo ata o de agora por ter que solicitar permiso á Dirección xeral de Estradas primeiro, e pola choiva despois. Onte, aproveitando o tempo seco, procedeuse ao asfaltado da vía García Lorca, obra incluída no Plan de Mellora do Firme recollido no Plan de Investimentos do Concello. A previsión é que mañá se complete a actuación coa sinalización horizontal e vertical da vía, que xa comezaría a funcionar co novo sentido de circulación. O cambio suporá o traslado da liña de aparcamentos á outra beirarrúa.
Esta medida elimina a posibilidade de cometer a perigosa infracción que se repetía con frecuencia cando condutores que viñan por Rodrigo de Mendoza atravesaban os dous carrís de Doutor Touróns atravesando liña continua para meterse por García Lorca.
Por motivos de seguridade viaria, os vehículos que circulen por García Lorca só poderán xirar á dereita na confluenza con Doutor Tourón. Se a intención é dirixirse ao centro da cidade, terán que cambiar de sentido na glorieta da Mariña Española, a escasos 20 metros.
Os coches que baixen por López Cuevillas cara Doutor Tourón, só poderán xirar á dereita, neste cruce, como ata o de agora.
Despois dos traballos preliminares realizados en verán, cando se recortou a orella da beirarrúa da esquina de da confluenza entre Doutor Tourón e López Cuevillas, esta mesma semana procederase a habilitar na primeira un carril de incorporación para os vehículos que poderán xirar cara López Cuevillas e García Lorca. Para elo os estacionamentos en batería serán substituídos por outros en liña.
Por último, tamén se facilitará a incorporación á circulación dos vehículos estacionados no aparcamento público de Matosihos, aos que se lles permitirá saír xirando á dereita para acceder a Doutor Tourón.











