A rolda leste de Pontevedra afectará a 33.473 metros cadrados de 63 terreos
A construción da rolda leste de Pontevedra afectará a 63 terreos –doutros tantos propietarios– nos que serán expropiados 33.473 m2 de labradíos en solo rústico, 120 eucaliptos (situados en 21 destes terreos), dous almacéns (de 94 m2 en total) e dúas edificacións (de 54 m2 en conxunto).
No pasado Pleno do 31 de outubro foi aprobado por unanimidade o proxecto de construción desta rolda leste, no tramo que vai desde a PO-542 Ponte Bora-O Pino ata a PO-532 Pontevedra-Ponte Caldelas, que inclúe o acceso a Montecelo e Príncipe Felipe. A obra permitirá, ademais, mellorar a mobilidade nesta zona da cidade e integrarase na futura rolda urbana (circunvalación) de Pontevedra. Na sesión declarouse tamén a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola execución das obras.
A Deputación de Pontevedra abriu hoxe un prazo de 15 días para presentar alegacións ó expediente de expropiacións e someteu o proxecto a información pública.
A obra da rolda leste ten un orzamento de 2,5 millóns de euros e sairá a licitación a principios de 2015. É froito dun convenio co Concello de Pontevedra, entidade encargada de aboar as expropiacións precisas para realizala.
A nova vía de circunvalación terá dous carrís de 3,5 m, beiravías de 1 m e unha senda peonil de 4 m; ó longo de 1 km construiranse 3 glorietas.











