A programación do San Martiño en Teo ábrese co roteiro do túnel do Faramello aos Vilares
A programación organizada polo Concello de Teo con motivo da celebración do San Martiño 2014 comeza este domingo 9 de novembro cun roteiro que sairá da carballeira de Francos e permitirá reivindicar a vella liña ferroviaria entre as aldeas de Vilar de Abaixo (Teo) e Angueira de Suso (Padrón). Para participar nesta andaina, que comeza ó redor das 11:00 horas, non é preciso anotarse.
A ruta do túnel do Faramello-Os Vilares é unha andaina de 8 quilómetros na contorna do vello treito da liña ferroviaria máis antiga de Galicia (Cornes-Carril), situada entre as aldeas de Vilar de Abaixo e Angueira de Suso. Trátase dun tramo que está en desuso e abandono logo da apertura do novo trazado do AVE no 2007. Así que esta ruta a pé tamén servirá para reclamar a recuperación e transformación deste tramo de vía nunha vía verde ou alomenos nunha pequena senda de paseo para a veciñanza da zona.
A ruta é circular polo que comeza e remata ó pé do cruceiro gótico de Francos, e ten como principais puntos de interese os conxuntos tradicionais das aldeas de Rúa de Francos, Vilar de Arriba, Bascuas e Vilar do Medio, o santuario e a carballeira de San Bieito de Bascuas, as pontellas e ribeiras fluviais dos pequenos regatos da parroquia de Santa María de Cruces. Os participantes tamén percorrerán os 133 metros do túnel do Faramello, unha das grandes obras de enxeñería do primitivo camiño de ferro galego.
Pola tarde continúan as actividades na escola de Francos. Ás 17:00 horas actúan as Fillas Bravas de Chévere. A entrada é de balde. E ás 18:00 horas celébrase unha mesa redonda sobre a memoria da feira cabalar do San Martiño. Tres persoas maiores da zona contarán a súa experiencia e as súas lembranzas dunha feira con séculos de historia. Cada 11 de novembro feirantes e visitantes enchen a carballeira de Calo e este domingo testemuñas directas vannos contar como era a feira na década dos anos trinta e dos corenta.
Hai que lembrar tamén que durante toda a fin de semana haberá degustación de carne de poldro nos dous restaurantes máis próximos á carballeira, o San Martiño e o Carboeiro. Esta é unha das novidades do programa deste ano co que se implicaron os restauradores de zona. Na víspera da feira, o luns 10 de novembro haberá dúas actuacións programadas polo Concello de Teo na carballeira. Ás 20:00 horas actuará a charanga da SR de Calo e a partir das 22:00 horas o grupo de percusión Fondaos do pífaro.
E na xornada do 11 de novembro celebrarase a feira cabalar que sigue tendo na compra-venda de animais a súa razón de ser. Aínda que a maioría dos milleiros de persoas que visitan Teo ese día non o fan só para vender nin mercar cabalos.











