A prevención da violencia de xénero entre a mocidade centra as xornadas nas que participa o COPG en La Rioja
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia está a participar nas VI Jornadas Nacionales de Psicología contra la Violencia de Género, que se celebran en Logroño entre hoxe e mañá, e que nesta ocasión se centran nas relacións temperás como marco de referencia para unha prevención eficaz.
Estas xornadas están organizadas polo Consejo General de la Psicología, que agrupa a todos os colexios oficiais deste ámbito no conxunto do Estado, e polo Colegio Oficial de Psicólogos de La Rioja. Con elas búscase atallar a violencia de xénero desde a prevención na infancia e na adolescencia, así como analizar casos de intervención entre a mocidade. A representación do COPG corre por conta da decana, María Rosa Álvarez Prada, que será a responsable de presentar á relatora Rosa Cobo Bedía, doutora en Ciencias Políticas e profesora de Socioloxía do Xénero na Universidade da Coruña, mañá sábado 29 ás 12 horas, nunha reflexión sobre a violencia de xénero nun mundo global.
Ademais, Álvarez Prada asiste en calidade de convidada ao Grupo de Traballo de Psicología e Igualdad de Género do Consejo General de la Psicología, que se celebra no Colegio Oficial de Psicología de La Rioja esta tarde.
O COPG desexa trasladar a importancia de loitar contra as desigualdades de base para combater as agresións machistas dun xeito integral. É por iso que a prevención destes desequilibrios desde a nenez e unha educación afectivo-sexual plena son ferramentas imprescindibles para atallar esta lacra que viven moitas mulleres acotío e que está a incrementarse alarmantemente entre a mocidade, segundo recollen diversas estatísticas.
Desde o Colexio levamos máis dunha década ofrecendo tratamento confidencial, especializado e gratuíto, así como asesoramento ás vítimas da lacra dos malos tratos, tanto as mulleres, como os seus fillos e fillas e persoas que dependen delas. Ademais, o COPG desenvolve o programa “Abramos o Círculo”, para homes que exercen a violencia e desexan romper con estas condutas nas súas relacións











