A Policía Nacional investiga o lanzamento de pedras dende unha pasarela sobre a AP-9 en Vigo
O Corpo Nacional de Policía abriu unha investigación para esclarecer o suposto lanzamento de pedras dende unha pasarela sobre a autoestrada AP-9 en Vigo, segundo confirmaron fontes da Comisaría da cidade olívica.
Así, a Policía puxo en marcha un dispositivo de vixilancia e control, sobre todo na zona onde algúns condutores denunciaron (ante a Garda Civil) ver un par de persoas “que parecían rapazas” lanzando pedras. Trátase dunha pasarela peonil que conecta a rúa Mestre Chané coa zona de Julia Minguillón e Montecelo.
A Policía Nacional de Vigo tivo coñecemento destes feitos cando, o pasado domingo, o 112 os alertou de que un condutor informara da presenza de persoas na pasarela lanzando pedras. De feito, a Garda Civil tamén se puxo en contacto coa Comisaría viguesa para informar de que polo menos dúas persoas denunciaran estes feitos.
O 091 advertiu do grave risco que supón esta práctica que, “como pouco”, pode supoñer a comisión dun delito de danos e que mesmo pode chegar a provocar accidentes graves e ser constitutiva dun delito de homicidio en grao de tentativa”.











