A Policía Local de Ferrol limita o tráfico rodado nun tramo da rúa do Sol
A Policía Local de Ferrol informa que a partir de mañá martes, día 4, se procederá á restrición ao tráfico rodado no tramo da rúa Sol, comprendido entre San Diego e Sánchez Barcaiztegui, debido ao inminente inicio das obras neste treito do viario. Así, o tráfico rodado non se verá afectado nos cruces da rúa Sol con Sánchez Barcaiztegui, con Méndez Núñez e con San Diego, polo que se manterá a circulación nestes puntos.
A Policía Local sinala que os vehículos que circulen polo tramo que non está en obras na rúa Sol en dirección a Praza de Amboaxe se desviarán pola Sánchez Barcaiztegui e poderán continuar pola rúa María. Así mesmo, a parada do autobús escolar do Tirso de Molina cambia a súa ubicación para estar situada á altura da capela da rúa María. O concelleiro de Urbanismo, Contratación e Infraestruturas, Guillermo Evia Pérez, explicou que a mellora do viario no tramo entre San Diego e Sánchez Barcaiztegui “é o treito máis complicado en cuestión de traballos xa que ademais da mellora integral do pavimento incluirá a renovación de servizos básicos que levan moitos anos sen ser substituídos”. Así mesmo, manifestou que esta fase “será a menos incómoda para o tráfico rodado”.
Os traballos avanzan segundo o previsto
A empresa “Acciona Infraestructuras S.A” se encarga da reurbanización da rúa Sol que permitirá a mellora integral do que é un dos principais viarios de acceso ao centro da cidade. A intervención completa na rúa do Sol, que forma parte dos compromisos asumidos polo Goberno Muncipal, ten un importe total de 799.879,85 euros (co 21% do IVE incluído), financiado con fondos europeos do Programa Urban Ferrol. Esta actuación desenvolverase por fases e afectará a todos os tramos desta rúa, entre a praza de España e a rúa Atocha. Ao fío disto, o concelleiro de Urbanismo sinalou que os traballos se acometen por fases “xa que teñen un prazo de execución de cinco meses, e se vamos mazá a mazá non chegamos”.
O edil Guillermo Evia destacou que os operarios da empresa adxudicataria “están a traballar tamén os sábados, menos o día 1 de novembro que foi festivo”. Así mesmo, anunciou que as tarefas de mellora da rúa Sol no tramo entre Roi Xordo e Terra “continúan avanzan segundo o previsto e que se a climatoloxía o permite en decembro estará aberto este treito ao tráfico rodado”. A reurbanización da rúa Sol resolverá de maneira definitiva os afundimentos e deficiencias que presenta este viario; ademais de adaptalo a súa función actual como unha das principais rúas de acceso rodado ao centro histórico de Ferrol.











