A Oficina de orientación laboral de San Sadurniño comeza a tramitar o Carné Xove

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Carné Xove é unha tarxeta persoal e intransferible que lles ofrece aos mozos e mozas entre 12 e 30 anos unha chea de posibilidades tanto en Galicia como no resto do Estado e de Europa. Descontos en compras no comercio, en cultura, en viaxes, asistencia e un seguro de responsabilidade civil para cando estean no estranxeiro… son só algunhas das vantaxes de facer este carné que, desde xa mesmo, pode tramitarse na Oficina de orientación laboral de San Sadurniño. Ademais, en 2015 o carné tamén permitirá obter rebaixas dun 50 por cento en varias taxas e servizos municipais.

O Concello de San Sadurniño recibiu recentemente a autorización para poder expedirlle á xente nova este carné que ten validez en 40 países da Unión Europea integrados na European Youth Card Association. Trátase dunha tarxeta que poden solicitar as persoas con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos. Ten unha validez de dous anos e pode renovarse ata facer os 31.

Serve principalmente para obter descontos tanto en servizos e actividades das administracións públicas como de empresas e comercios. Poden consultarse as empresas adheridas e os descontos ou promocións que ofrecen. Ademais, a tarxeta leva aparellado un seguro que cobre a asistencia ante a maior parte das continxencias que se poden producir durante unha viaxe, como pode ser un accidente, o roubo da equipaxe, o retraso nos medios de transporte ou a responsabilidade civil por danos que se causen de forma involuntaria.

Por outra banda, estar en posesión do Carné Xove tamén terá vantaxes á hora de solicitar certos servizos municipais. No último pleno o Concello aprobou unha bonificación dun 50 por cento no prezo da subministración da auga, no do saneamento, no das licenzas de autotaxi e no da limpeza de fincas. Porén, onde seguramente máis o note a mocidade vai ser na rebaixa -tamén dun 50 por cento- nas licenzas de apertura dun establecemento, nos servizos asociados aos casamentos civís nas dependencias municipais e, sobre todo, na tramitación de expedientes urbanísticos e no uso tanto de instalacións como de servizos culturais e deportivos. Cómpre ter en conta que estas reducións non se aplicarán automaticamente, senón que en todos os casos haberá que pedir a bonificación no intre en que se solicite o servizo do que se trate e acreditando sempre que o Carné Xove está en vigor. 

Para obter a tarxeta abonda con pasar pola Oficina de orientación laboral, situada na planta baixa do Concello, onde lle axudarán ás persoas interesadas a cubrir toda a documentación. Son só dous papeis: un de solicitude e outro de autoliquidación da taxa de 6 euros que cobra a Xunta de Galicia por expedir o Carné Xove. Ademais, todos aqueles establecementos comercials de San Sadurniño que estean interesados en formar parte da rede para aplicarlles descontos aos mozos e mozas, tamén poden informarse na Oficina de orientación laboral.

28 de novembro de 2014 | 12:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.