A oficina de información sobre o recibo da luz funcionará un mes máis ante a importante demanda existente
Oficina de Información sobre a Factura Eléctrica habilitada no Concello de Vilagarcía a través dunha iniciativa da Deputación Provincial de Pontevedra e a Unión de Consumidores de Galicia atenderá ao público durante todo o mes de novembro. Os organismos promotores decidiron ampliar un mes máis o servizo debido á elevada demanda que se está a rexistrar e tamén a alta valoración dos usuarios atendidos dende a súa posta en marcha o pasado 2 de setembro. Nestes dous meses, a oficina de Vilagarcía informou o asesorou a preto de 400 familias sobre a lectura do recibo da luz, queixas ás compañías e medidas de aforro do gasto eléctrico.
Durante este mes extra, o servizo que opera na planta baixa do Concello (na área de Persoas Maiores e Muller) funcionará co mesmo sistema que ata o de agora: de luns a venres en horario de 10 a 14 horas e previa concertación de cita a través do teléfono 986 099 200 ext. 103. O asesoramento é de balde.
O servizo de asesoramento e información individualizado dirixido a persoas usuarias de electricidade ten como obxectivo resolver as numerosos dúbidas que están tendo os usuarios debido á nova facturación e a liberalización de prezos. As consultas teñen como obxectivo aclarar os distintos conceptos que figuran no recibo da luz, así como asesorar ás familias sobre as medidas que poidan adoptar en cada caso para aforrar no gasto eléctrico, como axustar as potencias ás necesidades reais ou optar pola modalidade contractual que mellor lle vaia a cada caso particular, entre outras.
No caso de querer facer reclamacións ás empresas subministradoras ou ante Consumo tamén se lles asesora e axuda na tramitación, posto que unha das principais causas pola que se decidiu abrir estes servizos foi o elevado número de queixas presentadas ante a Unión de Consumidores de Galicia en canto ao aumento de técnicas agresivas das compañías para captar clientes e que, en moitas ocasións, ofrecen información enganosa ou no dan toda a información. Precisamente, na última quincena do mes de outubro, na oficina de Vilagarcía rexistrouse un repunte de reclamacións por parte de usuarios por cambio de compañía de subministro eléctrico sen consentimento dos titulares.
As queixas presentadas polos usuarios a través desta oficina, xa están sendo notificadas a Consumo a efectos de que prosiga o procedemento contra as compañías denunciadas por prácticas indebidas.
Ademais da de Vilagarcía, a Deputación e a Unión de Consumidores acordaron ampliar o prazo de funcionamento das oficinas de Pontevedra, Vigo e Lalín.











