A oficina de asesoramento de Vilagarcía destaca as reclamacións por altas e cambios indesexables na factura da luz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A oficina de asesoramento sobre aforro enerxético de Vilagarcía atendeu xa a un total de 500 familias dende a súa posta en marcha o pasado 2 de setembro. Ao igual que o resto dos servizos abertos pola Deputación e a Unión de Consumidores de Galicia noutros municipios da provincia, a temática das consultas xira en torno ás modalidades de contratación, tipo de tarifa e potencia contratadas; aínda que na de Vilagarcía destaca especialmente o elevado número de reclamacións por altas non autorizadas ou cambios indesexables como consecuencia de campañas ou promocións enganosas ou que ocultan información.

A oficina de Vilagarcía continúa funcionando ata finais deste mes de novembro, oplo que os interesados en recibir información e asesoramento sobre medidas de aforro ou en tramitar algún tipo de reclamación relacionada co servizo ou factura da luz, ata o venres, 29 de novembro están a tempo de solicitar cita a través do 986 099 200 extensión 103. O servizo funciona de luns a venres en horario de 10 a 14 horas. O asesoramento é de balde.

Como consecuencia da problemática denunciada polos usuarios dende a liberación do mercado eléctrico e as diferentes tarifas e contratos existentes, a Deputación Provincial e a Unión de Consumidores decidiron poñer en marcha en varios municipais de Pontevedra este servizo de información e asesoramento, en principio por prazo de dous meses. Tras a elevada demanda e a valoración da prestación realizada polos usuarios, ambas entidades decidiron ampliar durante un mes máis o prazo de funcionamento das oficinas de Vilagarcía, Pontevedra, Vigo e Lalín.

Neste tempo, entre todos estes puntos, un total de 3.273 persoas recibiron información e asesoramento individualizado sobre fórmulas de aforro no seu recibo da luz. Cómpre salientar que tendo en conta unha correcta elección da modalidade de contratación, o tipo de tarifa e a potencia contratada, o aforro dunha familia pode chegar ata os 200 euros mensuais.

Principais consultas

A responsable da oficina de Pontevedra, Dolores Chapela, destacou que todo o relativo ao mercado eléctrico “xera moita confusión e preocupacións aos cidadáns”, polo que o labor que se está desenvolvendo nestas oficinas resulta “moi satisfactorio” para os usuarios, que saen delas con información personalizada e adaptada ás características do seu fogar e do seu consumo enerxético.

Neste sentido, lembrou que “existe moitísima confusión sobre con quen se ten contratado a subministración eléctrica”, xa que nas propias oficinas “temos rexistrado moitísimos casos de persoas que os pasaron ao mercado libre sen consentimento, só facendo unha xestión de cambio de titular ou de tarifa”.

25 de novembro de 2014 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.