A obra triunfadora nos premios María Casares chega este sábado en Monforte
A compañía teatral Grupo Chévere representará este sábado en Monforte o espectáculo “Eurozone”, dirixido por Xesús Ron e cun elenco artístico integrado por Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Mónica García, Arantza Villar, Iván Marcos, Borja Fernández, e Pepe Penabade.
Eurozone é un panfleto teatral sobre a crise da Eurozona, no que se mesturan as referencias directas a Reservoir Dogs (a mítica primeira pelicula de Tarantino), á linguaxe da publicidade, aos casinos online, aos bailes de salón e ao argot económico que inunda as nosas vidas. Trátase dunha obra coral con 8 actores e actrices en escena xurdida dun traballo de creación colectiva.
No primeiro ano de exhibición Eurozone superou as 50 funcións e os 7.000 espectadores. Fixo tempada no concello de Teo e tamén en Madrid, onde foi a primeira produción escénica galega programada polo CDN durante un mes. Esgotou as entradas ao seu paso polos festivais de Cangas, Ourense, Carballo e Tondela (Portugal).
Eurozone recibiu o Premio María Casares ao mellor espectáculo, xunto aos de mellor actriz secundaria, mellor escenografía e mellor iluminación.
Estamos diante dunha farsa teatral sobre a crise da zona euro, sobre o fin da idea de Europa tal e como a entendemos ata agora, sobre un sistema democrático deslexitimado que só conta coa cidadanía para ir votar cada certo tempo, sobre unha clase dirixente que só exerce o poder no seu propio beneficio, sobre o secuestro da democracia por parte do sector financeiro.
Eurozone conta cales poden ser os paralelismos entre os personaxes de Reservoir Dogs e os principais líderes político-económicos de EUROPA, esas persoas que están decidindo desde un despacho o noso futuro. Poñamos que un grupo de persoas que representan á clase dirixente europea acaban de cometer o atraco do século e imaxinemos que, contra todo prognóstico, algo saiu mal. Entón collemos a esta xente e metémola nun deses edificios de autor, monumentais e inútiles, que tanto lles gustan, unha cidade da cultura, unha cidade das artes ou simplemente un casino sen inaugurar… E facemos estoupar as súas fráxiles relacións, e intentamos comprender a lóxica das súas decisións ou retratar a súa psicose utilizando contra eles a nosa indignación. Quen é o señor azul da política europea? Quen é o señor marrón das finanzas? Quen é o señor branco da diplomacia?
O espectáculo representarase no Edificio Multiusos de Monforte este sábado día 15 de novembro ás 19:00 h. As entradas terán un prezo xeral de 5 €, mentres que os estudantes, desempregados e xubilados poderán retiralas ao prezo de 3 €. A obra está programada pola Rede Galega de Teatros e Auditorios e organizada pola delegación de Cultura do concello de Monforte.











