A Obra Social “la Caixa” colabora con 45.000 euros en proxectos sociais e solidarios da contorna de Carballo

Rolda de prensa na que se anunciaron as axudas
A Obra Social “la Caixa” vén de achegar 45.000 euros para colaborar con seis proxectos sociais de Carballo e a súa contorna. Nun acto no que estiveron presentes representantes de todas as entidades que se benefician destas axudas (Aspaber, Afaber, APEM, Vieiro e o Centro Social San Xoán Bautista), o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Director de área de negocio de “la Caixa” na Coruña, José Manuel Caamaño, este último quixo “reafirmar” o “compromiso” da súa entidade co labor social “en momentos difíciles”, o que se plasma nestas achegas para “asociacións que traballan de forma desinteresada e relevante” para atender necesidades moi diversas. Así mesmo, expresou o seu “orgullo” por poder desenvolver esta obra social “en tempos especialmente complicados”. A maior das cinco achegas concedidas, que ascende a 10.000 euros, terá como destino o Plan de emerxencia social do Concello de Carballo.
A axuda recibida permitirá subministrar alimentos, medicamentos e cubrir servizos básicos para os veciños e veciñas como a auga ou a electricidade. En definitiva, servirá para atender as necesidades básicas dos cidadáns que se encontren en situación precaria e co obxecto de favorecer a súa inserción social. Evencio Ferrero quixo agradecer esta doazón e o “esforzo e compromiso” de “La Caixa” co Concello en nome de toda a veciñanza. Desexou que no futuro se vaian reducindo “as necesidades sociais” e que a incorporación das persoas á vida laboral “se vaia facendo con máis normalidade”, o que permitirá ir superando pouco a pouco estes “momentos de dificultade”. A Obra Social “la Caixa” plasma a súa colaboración coas outras cinco entidades implicadas neste proxecto social, que traballan en áreas como a prevención da drogodependencia, a atención integral a enfermos ou contra a exclusión social, con achegas de 7.000 euros para cada unha delas. Así, no caso da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Bergantiños (Afaber), organizaranse talleres de estimulación físico cognitiva; a Asociación Antidroga Vieiro levará a cabo programas de prevención de drogodependencia; a sede na comarca da Asociación Pro Enfermos Mentais de A Coruña (APEM) reformará un local para desenvolver obradoiros ocupacionais e un centro de día; o Centro Social San Xoán Bautista avanzará na apertura dun piso de acollida para persoas en risco de exclusión social; e a Asociación de pais e nais de discapacitados psíquicos de Bergantiños (Aspaber) continuará co seu labor a prol das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, para que dispoñan dos apoios necesarios para poder desenvolver o seu proxecto de vida e lograr a súa integración como cidadáns. Don José García Gondar, en nome do Centro Social San Xoán Bautista e de todas as entidades beneficiarias das achegas, quixo expresar o agradecemento de todas elas para con “la Caixa” e asegurou que “eses 45.000 euros van obter un rendemento do cen por cen”. Por último, desexou que este xesto non sexa un acto illado e “que se repita” no futuro.
O compromiso de “la Caixa” coas necesidades da sociedade na que desenvolve a súa actividade financeira e co benestar das persoas, un dos seus trazos máis definitorios dende o seu nacemento en 1904, adquire unha dimensión maior, e máis diferencial que nunca, nas actuais circunstancias. A pesar das dificultades, a entidade manterá o presuposto da súa Obra Social durante 2014 en 500 millóns de euros, a mesma cifra presupostada nos 6 anos precedentes. Neste sentido, o 67 por cento do orzamento (de 334,9 millóns de euros) destinarase ao desenvolvemento de programas sociais e asistenciais. A resposta ás problemáticas sociais mái flagrantes e a atención ás persoas máis vulnerables continúan sendo prioridades fundamentais para a entidade.











