A obra de Chema Alvargonzález protagoniza a mostra ‘Tránsito’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa de que mañá xoves, 13 de novembro, ás 20.30 horas, inaugúrase na Sala de Exposicións Palexco a mostra dedicada a Chema Alvargonzález, falecido en 2009, baixo o título Tránsito, que se poderá visitar ata o 11 de xaneiro de 2015, todos os días de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas.

A través desta exposición, comisariada por Susana González e Nicolás Combarro, exhíbense aproximadamente 30 obras coas cales se recrea a investigación que levou a cabo este autor ao longo da súa traxectoria, na que traballou sobre conceptos como o traxecto e o desprazamento, tanto en emprazamentos físicos como na memoria. Será, por tanto, a viaxe un dos alicerces da súa produción, xa que a través das súas creacións establece un traxecto de ida e volta entre a viaxe física, o metafísico e o transcendental, concibindo a vida como algo transitorio e azaroso, pero tamén un tránsito cara ao interior de si mesmo, como vía de coñecemento e experimentación. Representativas desta temática son as maletas iluminadas.

Viaxeiro incansable, Alvargonzález realiza unha análise crítica dos diferentes lugares que coñeceu ao longo da súa vida, como visitante ou sitio de traballo, entre os que destacan Brasília, Berlín, Milán, Barcelona, Florencia ou Nova York. Estas urbes convértense en espazos de comunicación que inflúen na súa experiencia emocional que recreou e nas que interveu, a través da fotografía, o vídeo ou a instalación.

Outro dos alicerces fundamentais da súa produción é o uso que fai das palabras.

A linguaxe ten unha dobre significación, por unha banda, a arquitectura das palabras; por outra, o pensamento e a palabra poética, a forma e o fondo. O uso da luz permítelle pasar da escuridade ao esclarecemento, en sentido práctico e literal. Esta iluminación obsérvase nas obras que traballan texto e imaxe coas que consegue establecer unha serie de conexións e referencias externas.

A través desta mostra, convídase ao espectador a realizar unha viaxe, usando a mirada e a imaxinación, mediante as súas obras polos lugares que transitou e que dotou dun novo significado como froito dese tránsito en proceso de procura continua.

Artista multidisciplinar, Chema Alvargonzález formouse en Belas Artes na Escola Massana, de Barcelona, e en Hochschule Der Küntes, de Berlín. Aínda que comezou traballando a fotografía desde a adolescencia, ao longo da súa traxectoria abordaría diversas disciplinas, combinándoas entre si, aplicando tamén novas tecnoloxías á súa produción artística.

As súas obras expuxéronse en diversas cidades españolas e europeas, tanto de forma individual como colectiva, entre as que destacan Barcelona, Berlín, Bilbao, Milán, Madrid ou Londres, en importantes centros culturais e galerías de arte. Así mesmo, interviu en varios espazos públicos en lugares como Florencia, Málaga, Munich, Postdam, Capri ou na cidade estadounidense de Santa Fe.

12 de novembro de 2014 | 11:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.