A nova rede wifi en espazos públicos de Canido, Ferrol Vello e A Magdalena rexisitrou 60.000 conexións en setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O concelleiro de Economía do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Caínzos, informou esta mañá do estudo de funcionamento da nova rede wifi en espazos públicos dos barrios de Canido, Ferrol Vello e A Magdalena durante o pasado mes de setembro. Esta actuación, que conta co financiamento do programa Urban Ferrol, permite dar acceso a conexión wifi gratuíta en doce puntos da cidade, que son: a Praza de Armas; Praza Oito de Marzo; parque Raíña Sofía; Cantón de Molíns e Alameda de Suanzes; Praza de Amboaxe; Praza Cruceiro de Canido; Praza Vella; fachada do peirao de Curuxeiras; Baluarte de Canido; Praza da Fenya; Xardíns de Herrera e de San Francisco; e Praza do Mercado do Peixe.

Un total de 60.266 conexións foron rexistradas no pasado mes de setembro, cunha media de 1.674 conexións por día. O tráfico cursado durante o mesmo período de tempo foi de 190,14 GBytes, dando unha media diaria de 6,13 GB e acadando picos de case 17 GB por día. Os puntos con maior tráfico de datos foron Praza de Armas, Praza de Amboaxe, Praza Vella, Mercado do Peixe, Cruceiro de Canido, e Cantón de Molíns. En canto ao número de usuarios por punto de acceso, varía segundo a franxa horaria. Polas mañás, a Praza de Armas rexistrou case o 39 % de usuarios, e o punto de Cantón de Molíns e Alameda de Suanzes tivo o 17,65%; mentres que durante as tardes, o punto con maior número de usuarios foi a Praza de Amboaxe -cun 40% do total-, seguida pola de Armas e a zona do Cantón de Molíns.

No que atinxe a conexións concurrentes, a media ao longo da mañá está fixada en 79,5 dispositivos conectados de maneira simultánea, cifra que durante a tarde se reduce a 67,2 dispositivos. Langtry Caínzos sinalou que en horario nocturno “o tráfico en toda a rede é practicamente inexistente”. O edil de Economía destacou os bos resultados do servizo gratuíto na Zona Urban, e avanzou que se está a estudar a posibilidade de amplialo a outros puntos da cidade. Así mesmo, lembrou que esta rede wifi conta cun límite de uso da conexión por esixencias da normativa.

19 de novembro de 2014 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.