A nova estación de bombeo de Muíño Novo xa está operativa
O servizo de saneamento no barrio da Laxe mellora a partir de hoxe a súa eficacia grazas á posta en marcha da nova estación de bombeo instalada na zona de Muíño Novo. O Concello investiu 25.000 euros na actuación que consistiu na ampliación da capacidade de recepción de auga do sistema e na instalación dun impulsor de emerxencia para casos de avaría do principal. Con isto preténdese evitar os numerosos colapsos que sufría o sistema anterior cando recibía máis caudal do que podía tratar.
A obra está practicamente rematada, polo que hoxe estaba previsto poñer en marcha as bombas para comprobar o seu funcionamento. Se a operación resultaba correcta, o sistema xa quedaría operando e procederíase a pechar e repoñer o firme.
A actuación de Muíño Novo foi executada por Covsa e financiouse con cargo ao Plan Provincial de Obras e Servizos. O Concello propuxo esta actuación para evitar os insistentes problemas que se producían na zona xa que o anterior bombeo quedara obsoleto debido ao incremento de poboación rexistrado nos últimos anos na zona, polo que en ocasións non era capaz de absorber todo o caudal que circulaba pola rede de recollida de saneamento. Isto provocada o bloqueo da maquinaria, o desbordamento da estación e a emisión de verquidos a través do aliviadeiro.
As obras realizadas para poñer fin a esta problemática consistiron na instalación da nova estación de bombeo que consta dun pozo prefabricado de 2,4 metros de diámetro e 3,5 metros de fondo. Nel colocáronse dúas bombas somerxibles de 1,5 kw de potencia, una delas de reserva, de xeito que se faciliten as labores de mantemento da instalación que se poderán realizar sen necesidade de parar a impulsión.
O bombeo dispón de colectores metálicos de impulsión e aspiración e, co fin de garantir a vida útil dos equipos, instalouse un cestón de recollida para evitar que os residuos sólidos grosos entren a atasquen os equipos de impulsión. Este método xa se utiliza noutras estacións de bombeo da cidade con bo resultado. Por iso, a obra de Muíño Novo inclúe ademais un cestón adicional de reemprazo para as tarefas de limpeza e mantemento.
O proxecto incluíu substitución do cadro eléctrico de control por outro máis axeitado aos novos equipos.
Unha vez comprobado o funcionamento dos sistemas, á adxudicataria deberá proceder ao tapado da zanxa e á reposición do pavimento afectado.











