A mostra “Fotoxornalismo Coruña 2014” abre ao público na cidade herculina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña organiza unha nova edición da exposición Fotorxornalismo Coruña 2014 que se abre mañá na Coruña. A mostra poderá visitarse ata o día 30 de novembro en horario de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas na sala de exposicións Salvador de Madariaga (Durán Loriga, 10), pero mañá ás nove da noite haberá un acto informal a modo de inauguración ao que asistirán os fotógrafos autores das imaxes que compoñen a exposición, autoridades e amigos.

Nesta edición preséntanse 21 imaxes doutros tantos fotoxornalistas cuxo ámbito de traballo é habitualmente a cidade da Coruña. Nas fotografías abórdanse temas moi diferentes dende o deporte ata a política, pasando pola paisaxe e os seus autores son: Amador Lorenzo, Andy Pérez, J. Cabalar, V. Casteleiro, César Delgado, César Quián, Eduardo Pérez, Iago López, Javier Alborés, Jesús Sancho, Marta Capote, Marcos Míguez, Mero Barral, Paco Rodríguez, Carlos Pardellas, Patry Fraga, Pedro Puig, Susy Suárez, Óscar Paris, Torrecilla, Víctor Echave.

Tanto dende a institución provincial como os participantes e a organización pretende facer unha mención especial ao profesional José Neira “Pucho” por “bo compañeiro e amigo” que faleceu este ano.

No seu último ano a exposición fíxose itinerante pola comarca da Coruña e, debido á súa excelente acollida, nesta ocasión amplíase a ruta a outros concellos da provincia. De xeito provisional están xa interesados, ademais da Coruña, Outes, Fisterra, Malpica, Santiago, Ferrol, Ortigueira, Melide, Ribeira e Ordes.

Histórico

Fotoxornalismo Coruña nace no ano 2000 como unha exposición fotográfica que pretendía mostrar o traballo dos fotoxornalistas da cidade da Coruña. Dende entón e sen interrupcións, a maioría de profesionais que traballan neste ámbito de actuación, tanto en diarios como revistas, gabinetes de comunicación e axencias de noticias seguen a reunirse cada ano ao redor deste evento e da publicación que edita a Deputación da Coruña. Así, conséguese unha extraordinaria mostra dos acontecementos que suceden na cidade ao longo do ano. 

En 2006, ademais, a Xunta de Galicia outorgou o premio Fotoxornalismo Galicia a este evento en recoñecemento á súa calidade e creatividade.

7 de novembro de 2014 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.