A mesa sectorial de coordinación policial sobre violencia de xénero realiza seguimento das últimas ordes de protección
A Mesa sectorial de coordinación policial sobre violencia de xénero reuniuse hoxe no salón de plenos do Concello da Laracha nunha xuntanza presidida polo alcalde, José Manuel López Varela, na que tamén participaron a concelleira de muller e servizos sociais, Rocío López, a directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha, Ana Aldao, o xefe da Policía Local, José Antonio Arcas, o sarxento do Posto da Garda Civil da Laracha, Emilio Arboiro, e o axente Juan Carlos Rabuñal. Escusaron a súa ausencia os representantes da Subdelegación do Goberno e da Policía Autonómica.
A reunión iniciouse revisando os acordos de anteriores convocatorias. A continuación realizouse un seguimento ás ordes de protección existentes, así como ás usuarias do programa ATENPRO, que é o servizo telefónico de atención e protección para mulleres vítimas de violencia de xénero.
Por último, realizouse unha avaliación dos mecanismos de coordinación ante casos de violencia de xénero, que foi moi positiva, demostrándose que os mecanismos establecidos son eficaces e se están a levar a cabo tal e como se deseñaron inicialmente, cumprindo cada corpo de seguridade cos propósitos fixados no marco das súas competencias.
En definitiva, os membros da Mesa mostraron a súa satisfacción porque a coordinación entre todos eles está a posibilitar que se alcances os obxectivos na loita continuada contra a lacra social que é a violencia de xénero.
A próxima reunión desta Mesa de coordinación policial, que é convocada polo Concello da Laracha cada tres meses, foi fixada para o día 3 de febreiro do ano 2015.











