A maxia do circo chega da man de Elegants ao Teatro Colón
Este domingo 30 ás 19:00 horas a compañía Elegants presenta ‘Cabaret Elegance’, unha orixinal e premiada proposta que mestura circo e humor. A función está coorganizada polo programa Platea do INAEM e foi recoñecida con diversos premios entre os que destacan o Premio do Público no Festival de Buitengewoon (Holanda) ou o Premio do Xurado no Festival Mueca (Tenerife). É, ademais, un espectáculo recomendado pola comisión de circo da Red Española de Teatros.
‘Cabaret Elegance’ é un sorprendente espectáculo con escenografía orixinal e unha coidada posta en escena a través da que se suceden números circenses de gran nivel. A proposta combina diferentes técnicas de circo como o trapecio, os números de equilibrio, o mastro chino, o monociclo ou os malabares, todo co humor como fío condutor.
Elegants formouse en 2011 cando catro artistas de circo cunha longa traxectoria profesional se unen para traballar xuntos. Adriano Marçal ‘Dico’, Ramiro Vergaz, Ignasi Gil e Jordi Juanet ‘Boni’ son os compoñentes desta recoñecida compañía que ten como obxectivo principal crear espectáculos de circo de alta calidade coa elegancia e o humor como características principais. A partir das súas disciplinas individuais traballan na busca intensa de cada unha das súas especialidades e na esixencia dunha coidada dirección de escena.
As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural A Fundación, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. Os espectadores poden adquirir tamén no despacho de billetes do Teatro Colón a Tarxeta Teatro Colón, un programa de abonados con innumerables vantaxes como descontos nunha trintena de locais comerciais da Zona Obelisco ou no hotel NH Atlántico.











