A mancomunidade da Comarca de Ferrol aproba a adhesión á rede EuSumo

Reunión da Mancomunidade dos concellos da Comarca de Ferrol
A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, que preside o alcalde ferrolán Jose Manuel Rey Varela, acordou hoxe a súa adhesión á Rede EuSumo de cooperativismo, decisión que terá o seu reflexo na firma dun convenio entre o organismo supramunicipal e a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia como impuilsora desta iniciativa para o fomento do cooperativismo e a economía social. Este foi un dos asuntos máis destacados abordados polos rexedores da bisbarra na sesión ordinaria da Mancomunidade celebrada esta tarde no Pazo Municipal de Ferrol.
A Rede EuSumo pretende ser unha ferramenta para o fomento do espírito emprendedor no ámbito local, comarcal e transfronterizo prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social. Así, ao amparo desta iniciativa préstanse servizos de información e asesoramento, desenvólvense accións formativas dirixidas aos posibles emprendedores; dáse apoio á comercialización promovendo encontros e promoción e fomento das tecnoloxías da información e comunicación, entre outras vantaxes. Precisamente, a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol organizou a semana pasada un encontro sobre cooperativismo nas instalacións da Cooperativa do Val. A Mancomunidade ten xa en servizo unha oficina de fomento do cooperativismo situada no Centro Municipal de Emprego do Concello de Ferrol e que realiza unha labor itinerante noutros concellos da mancomunidade.
Noutra orden de cousas na sesión ordinaria da Mancomunidade debateuse sobre as liñas de subvención da Deputación Provincial da Coruña ás que se acollerá a entidade en 2015 e para as que presentará proxectos. Nun principio, o organismo supramunicipal continuará co programa de Deporte Adaptado e Inclusivo e con proxectos de promoción do turismo e de fomento do emprego e o emprendemento, orientado á reciclaxe e fomento de novas liñas de negocio e actividade de empresas.











