A Laracha conciencia sobre o pacifismo e a tolerancia a través de “cine con fondo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Casa da Cultura da Laracha acollerá durante a próxima fin de semana o ciclo Cine con Fondo sobre tolerancia e pacifismo, con motivo do Día Internacional para a Tolerancia, que se conmemora o 16 de novembro.

O videofórum, organizado polo Concello en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, componse dos seguintes filmes:

– Gandhi: sábado 15, 18:00 horas.
– Miradas cruzadas: domingo 16, 12:00 horas.
– Cometas en el cielo: domingo 16, 18:00 horas.

A través deste ciclo cinematográfico dáse a coñecer a vida e a obra do activista indio Mahatma Gandhi, así como costumes, culturas e tamén inquedanzas dos pobos do Sur. A dobre visión que nos achega esta proposta permite concluír que é posible a resolución de conflitos de xeito pacífico, poñendo en práctica a tolerancia e a perseveranza. A liberdade e o respecto polos demais son outros dos valores transmitidos.

O obxectivo destas actividades é dar a coñecer outras realidades cunha visión construtiva, concienciar á cidadanía fronte ás desigualdades e achegar unha visión crítica do mundo actual para fomentar a reflexión, o compromiso social e os valores solidarios.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 87 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

8 de novembro de 2014 | 13:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.