A iluminación do Nadal chega a 214 rúas e prazas da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, inaugurou esta tarde a iluminación de Nadal, que este ano chegará a 214 rúas, prazas e espazos públicos da cidade, á vez que aproveitou para animar aos coruñeses a comprar no pequeno comercio durante estas datas.

O alcalde participou no aceso, celebrado no Obelisco, onde se instalou o tradicional gran árbore de Nadal de 20 metros de altura e 60.000 puntos de luz. O Concello da Coruña destaca que esta iniciativa municipal supón un paso máis na aposta pola defensa do pequeno comercio coruñés, pois a iluminación do Nadal chega a todos os barrios da cidade e atende o 96% das peticións realizadas polos comerciantes. Ademais, a instalación da iluminación do Nadal permitiu crear 52 empregos directos.

Este esforzo do Goberno municipal tradúcese en 214 rúas, prazas, rotondas e fachadas iluminadas con motivos do Nadal, 30 quilómetros de vías de luz, 1.550.000 puntos de luz –o dobre que o ano pasado- e 965 motivos do Nadal –un centenar máis que en 2013- (535 decoracións transversais; 313 farois e 117 árbores), o que supón un aumento da iluminación do 31% nos dous últimos anos sen aumentar o orzamento.

A iluminación municipal conmemorativa do Nadal manterase acendida até o 6 de xaneiro en horario de 18.30 a 01.00 horas, excepto os días 24 e 31 de decembro e 5 de xaneiro que se estenderá até as 06.00 horas. En total, serán 40 días (275 horas de luz), ampliándose así o tempo de aceso en media hora diaria. Ademais, o Concello busca mellorar a eficiencia enerxética cun 100% de tecnoloxía led, polo que, a pesar de aumentar os días de aceso con respecto ao ano pasado, o consumo reducirase nun 32%.

A Coruña é unha das poucas cidades nas que o consumo é a custo cero xa que a empresa adxudicataria paga o 100% da enerxía.

27 de novembro de 2014 | 20:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.