A Fundación instala un parqué portátil en Fexdega atallando o conflito entre clubs polo uso das canchas de baloncesto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Fundación de Deportes pretende poñer fin ao conflito que arrastran dende hai meses os dous clubs de baloncesto do municipio polo reparto e uso das canchas de baloncesto municipais sen chegar a acercamento. Debido a que a temporada xa está iniciada e dado que a solución urxe, para non prexudicar a ningún dos equipos e deportistas de ningunha das entidades, dado que o principal problema reside na dispoñibilidade de pistas de madeira, a Fundación instalará en Fexdega unha cancha portátil de parqué de xeito provisional ata que se conclúa a reforma do pavillón de Castelao.

Esta decisión adóptase tras o infrutuoso resultado das numerosas reunións que a presidenta da Fundación mantivo coas directivas dos clubs. Ante esta tesitura, e pensando sempre no interese dos destinatarios últimos dos servizos deportivos: os deportistas de ámbalas dúas entidades e do municipio en xeral; a Fundación opta pola medida que considera máis ecuánime, máis beneficiosa e que menos interfire nos calendarios de actividades tanto de CLB e CB, como das demais entidades deportivas e da propia Fundación. Así mesmo, adóptase tendo en conta que nestes momentos o Concello só se dispón de parqué no pavillón número 2 de Fontecarmoa.

A cancha portátil de parqué que se instalará esta mesma semana en Fexdega permitirá aos deportistas do CB adestrar en pista de madeira, algo do que que carecían debido ás obras de Castelao, e non obrigará ao CLB a ceder horas en Fontecarmoa 2, o que implicará ademais modificar calendario e grupos de adestramentos tanto deste club como dous demais usuarios desta instalación.

A medida terá un terceiro beneficiado, o grupo de usuarios das actividades deportivas para adultos que presta a Fundación de Deportes, que compartirán o uso da cancha portátil para aliviar os problemas de condensación que se rexistran na zona de práctica de aerobic cos grupos máis numerosos, e que volvían esvaradizo o chan.

Dado que o asunto urxe unha solución e dado que a seguinte reunión do Consello Reitor da Fundación non ten aínda data de celebración, a proposta será presentada á Xunta Local de Goberno do Concello esta mesma semana a efectos de poder executala coa maior brevidade e darlle tamén traslado ao Padroado de Fexdega. Posteriormente, a medida será tratada convenientemente no próximo Consello da Fundación.

5 de novembro de 2014 | 20:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.