A Fundación Gas Natural Fenosa e o Igape achegan ás empresas viguesas os instrumentos de apoio á primeira exportación
A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape e en colaboración coa Fundación Gas Natural Fenosa, facilitará ás empresas viguesas información e asesoramento sobre os servizos, instrumentos e apoios existentes para que as pemes poidan abordar as súas exportacións.
O seminario “Primeira exportación: Un reto asumible para calquera peme” ten como finalidade principal a de orientar e formar a empresarios e xerentes das pemes galegas que desexen iniciarse nas exportacións contando cun programa que inclúe relatorios especializados sobre os servizos de apoio á proxección exterior das empresas ou sobre os coñecementos necesarios para reducir o risco nas operacións de cobro e pago no ámbito do comercio exterior.
Impulsado polo Igape en colaboración coa Fundación Gas Natural Fenosa, o Programa Primeira Exportación é gratuíto e ofrece asesoramento e formación para as pemes galegas que desexan exportan para ampliar o seu negocio. Durante o seminario que se desenvolverá na sede do Club Financeiro de Vigo o 2 de decembro as empresas participantes poderán coñecer, entre outros aspectos, as pautas para o control do risco comercial e financeiro e para a optimización no ámbito loxístico. As pemes interesadas poden acceder ao programa e inscribirse a través da páxina www.fundaciongasnatural.org
O encontro servirá tamén para informar da estratexia de internacionalización da empresa galega que a Xunta de Galicia está a consensuar cos diferentes axentes económicos, así como para presentar un caso de éxito dunha empresa exportadora.
Entre as diferentes ferramentas coas que conta o Igape para apoiar o comezo e a consolidación das exportacións das pemes atópanse servizos que comezan polos diagnósticos gratuítos para determinar o potencial de internacionalización de cada compañía e inclúen tamén programas de formación e asesoramento.











