A exposición “Pola Cara” conmemora o XXX aniversario do Museo do Humor de Fene

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

O Concello de Fene inaugurará este luns, 24 de novembro, a exposición de caricaturas “Pola cara”. Será o acto central da programación deseñada pola Concellería de Cultura para conmemorar neste 2014 o XXX Aniversario do Museo do Humor, o único destas características na Comunidade e un dos máis emblemáticos e senlleiros de España. A inauguración virá precedida do obradoiro “Serguro que sabes o que é unha caricatura?”, impartida por David Pintor, de Pinto&Chinto. Un taller teórico-práctico no que participarán nenos e maiores e no que o artista falará do seu traballo, amosará algunhas das súas obras e realizará algunha outra.

Sobre as seis da tarde, na sala de exposicións da Casa da Cultura, celebraráse a inauguración da mostra “Pola cara”. Un acto aberto á veciñanza no que intervirá o presidente da Deputación provincial, Diego Calvo; o alcalde, Gumersindo Galego; a edil Rocío Bértoa, e o humorista gráfico Siro López, e ao que asistirán representantes do mundo institucional, social e cultural da comarca.

A mostra está producida polo propio Museo do Humor de Fene e nela amosaráse unha importante colección de caricaturas doadas para a ocasión por 53 debuxantes e caricaturistas galegos, españois e internacionais (Abraham Carreiro, Ulisses Araujo, David Lara, Jorge Inacio, Carlos Sardiña, Christian Jacob, Raúl Iglesias, Moisés Ramírez, Gogue, David Pintor, José Luis Castro Lombilla, Baptistao, Polo, Walter Toscano, Xavi, Sebastian Cast, Armando Gámez Padrón, Álex Gallego, Jarbas Domingos, José Julio, etc.). Entre os personaxes caricaturizados salientan actores e actrices como Jack Nicholson, Laurence Fishbourne, Laurel & Hardy, ou Judy Dench; deportistas como Neymar, Iniesta ou Michael Schumacher; políticos como Rajoy, Pablo Iglesias, Obama, Fidel Castro ou José Mújica; escritores como Gabriel García Marquez, José Saramago ou Francisco Ayala; pintores como Pablo Picasso ou Frida Khalo; músicos como Mike Jagger ou Freddy Mercury. A exposición permanecerá na Casa da Cultura de Fene ata o 20 de decembro, de luns a venres de 10 a 13 e de 16 a 21 horas e, os sábados, de 10 a 13 horas. A partir de ahí, iniciará a súa itinerancia por cantos concellos, entidades sociais ou colexios a soliciten.

Carpeta conmemorativa. E xa, por último, como colofón aos actos do XXX aniversario do Museo do Humor, presentaráse tamén o cartafol conmemorativo. A Concellería de Cultura edita esta publicación, cunha primeira tiraxe limitada de 500 exemplares. Inclúe once láminas con debuxos de humoristas gráficos galegos de primeiro nivel e complétase cunha lámina na que se recolle o “saúda” do alcalde de Fene, quen se refire ao Museo do Humor coma “un espazo vivo e aberto á cidadanía”. Tamén salienta Gumersindo Galego neste documento “a aposta do Concello de Fene por dar a coñecer fóra de Galicia aos mestres galegos e en Galicia aos do resto do mundo”.

Para a realización do cartafol, convidouse expresamente a unha serie de humoristas gráficos e ilustradores galegos para que fixeran un debuxo, con enfoque e técnica totalmente libres, co único requisito de que fixera referencia ao XXX aniversario. Responderon a este chamamento: Siro López, Pepe Carreiro, Xan López Domínguez, Calros Silvar, Santy Gutiérrez, Pinto&Chinto, Andrés Meixide, Xose Lois “Carrabouxo”, Gogue, Nachortas e Manuel Uhía. E, por iso, o Concello agradece aos artistas a súa colaboración.

Rematando o luns, nova sesión do ciclo de monólogos “As risas son boas”. Neste caso, coa actriz Isabel Risco, que interpretará a “Chelo García Naveira, máis coñecida como Naviza Girl, unha superheroína rural galega con denominación de orixe protexida e con super-poderes que proveñen do sulfato”. Será ás 20 h na Casa da Cultura, con entrada libre con invitación a recoller ese día dende as 16 h.

21 de novembro de 2014 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.