A exposición ‘Peregrinatio’ conmemora en Muros a peregrinación de San Francisco a Compostela
Muros alberga desde hoxe, no Muíño de marea do Pozo do Cachón, a exposición ‘Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago’, na que se recolle a peregrinación de San Francisco no ano 1214, dende Asís ata Compostela, percorrido que lle inspirou a creación da orde franciscana.
As fotografías e a peza musical que integran esta mostra foron realizadas polos artistas galegos Manuel Valcárcel e Alexandro González no seu viaxe a través de Italia, Francia, o norte de España e a Galicia xacobea, seguindo a mesma ruta que san Francisco percorreu fai 800 anos.
A exposición ofrece unha interpretación de gran beleza sobre o Camiño de Santiago, afondando no fenómeno da peregrinación. As claves principais deste feito histórico vivo –os seus valores universais, o seu legado cultural, a súa capacidade para potenciar aspectos como a comprensión, o intercambio, a solidariedade, a hospitalidade– están recollidas neste traballo destes dos artistas novos galegos que, asumindo o seu papel de peregrinos, souberon ver en camiños e santuarios a esencia dun fenómeno único.
‘Peregrinatio’ forma parte da programación promovida por Turismo de Galicia para a conmemoración do oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela que celébrase dende mediados de 2013 ata mediados de 2015.
A mostra, que xa puido visitarse en León, Astorga, Ponferrada, Villafranca e Oviedo, permanecerá en Muros ata o próximo 19 de novembro e poderá visitarse de martes a sábado, de 10,00h a 13,00h e de 16,30h a 19,00h.
Samuel Diz en concerto: ‘Camiños da guitarra clásica galega’
O próximo venres 14 de novembro a mostra complementarase co concerto do guitarrista Samuel Diz que terá lugar ás 17:00h no propio espazo da exposición.
A través deste concerto, “Camiños da guitarra clásica galega”, o recoñecido músico fará un percorrido polo pasado, presente e futuro do instrumento na nosa cultura interpretando diversas obras de autores galegos relacionadas co mundo xacobeo.
Trátase dunha recompilación de pezas fundamentais que nos levarán desde melodías medievais ata o século XXI coa nova xeración de compositores. Unha viaxe pola nosa historia desde unha óptica contemporánea, un canto á guitarra galega que, inexplicablemente, non fora formulado ata o de agora.