A exposición “Pel de papel”, de José Miranda, mostra colaxes sobre actrices famosas na sede viguesa da Deputación
O pintor vigués José Miranda expón desde onte, ata o próximo día 21, na sede viguesa da Deputación, a mostra “Pel de Papel”, na que recrea diferentes retratos de actrices famosas dos últimos vinte anos. Todas as obras foron realizadas coa técnica da colaxe, a maioría en branco e negro ou con leves matices de cor.
Miranda explicou, durante o acto de inauguración, que abordou con moito agarimo esta técnica coa que nunca traballara na súa dilatada carreira como pintor e admitiu “engancharse” con ela a medida que se propuña novos retratos. A colección está centrada na época dourada de Hollywood, con imaxes de personaxes tan míticos coma Marilyn Monroe, Liza Minelli, Sofía Loren, Lauren Bacall ou Rita Hayworth, entre outros. Tamén figura na exposición a recreación dunha coñecida escena de Casablanca, con Humprey Bogart e Ingrid Bergman como grandes protagonistas.
O autor admitiu “gozar moito” coa realización destas obras e expresou o seu desexo de “facer gozar tamén o público que acuda a velas”.
A mostra poderá ser visitada en horario de mañá e tarde, desde as 9:00 ata as 20:00 h, na sede da Deputación, situada na rúa Oporto.











