A execución de todo o proxecto de Coruña Smart City requirirá máis de 220.000 horas

Encontro Coruña Smart City
O alcalde, Carlos Negreira, reuniuse na Ágora con todas as adxudicatarias de Coruña Smart City, coincidindo co ecuador do desenvolvemento do proxecto de cidade intelixente. Durante o encontro, o primeiro edil recalcou o esforzo e a ilusión que puxeron neste proxecto todas as partes, e no que as empresas implicadas empregarán máis de 220.000 horas de traballo para completar os proxectos que permitirán ofrecer novos servizos ao conxunto dos cidadáns, en áreas tan singulares como a auga, o medio ambiente, a mobilidade, as xestións coa administración ou o lecer e o turismo.
Carlos Negreira sinalou que no proxecto participan máis de 40 empresas relacionadas co sector tecnolóxico, un dos máis importantes da cidade. De feito, o alcalde lembrou que A Coruña e a comarca acaparan o 53% de todo o emprego tecnolóxico que hai en Galicia, con máis do 44% das empresas do sector. Co desenvolvemento de Coruña Smart City, “estamos a posibilitar que estas empresas entren e se manteñan nun sector tan puxante como este, xeren nova actividade económica e novo emprego”, engadiu.
Carlos Negreira recalcou que Coruña Smart City é un proxecto transformador de toda a cidade, que permite e dá máis posibilidades cidadáns. As xestións para transformar A Coruña nunha cidade intelixente iniciáronse en 2011 e que na actualidade o proxecto atópase no ecuador da súa execución. Os proxectos pilotos xa están en desenvolvemento “despois de facer todo o traballo interno necesario para crear unha plataforma tecnolóxica única en España, que permite almacenar e xestionar os miles de datos que todos os días se producen na cidade”. Dos 14 proxectos pilotos, 10 están xa executándose, dous están a piques de adxudicarse e outros se atopan en fase de licitación.
O obxectivo é que nos próximos meses os cidadáns empecen a visualizar e a gozar das melloras que ofrecerán estes proxectos pilotos. Segundo o alcalde, no primeiro semestre de 2015 estarán terminados o “90% dos proxectos pilotos”, e o 10% restante ao longo do próximo ano. Unha vez listos, os veciños terán accesos a novos servizos, como o feito de que “o Concello estea dispoñible 365 días ao ano para o cidadán” desde a súa propia casa, a través do piloto de administración electrónica; melloras en mobilidade; sistemas para a detección de fugas en toda a subministración da auga ou dispositivos para controlar a calidade da auga antes de captación. “Estamos a falar dun novo modelo de xestión para todos os sectores da cidade”, manifestou o primeiro edil.
Carlos Negreira adiantou que o proxecto de Coruña Smart City non termina cando finalice a execución dos 14 proxectos piloto, senón que o Concello xa está a traballar en novas iniciativas “que nos permitan engancharnos ao futuro”. Para iso, o goberno local deseñou catro novos proxectos de Coruña Smart City que se presentarán ás convocatorias do próximo ano para a repartición de fondos, tanto por parte do Ministerio de Industria como da Unión Europa, e que o alcalde tivo a oportunidade de presentarlle ao secretario de Estado de Telecomunicacións e Sociedade da Información, Víctor Calvo-Sotelo, na súa visita á cidade en outubro.
O proxecto, iniciativa do Concello da Coruña e Emalcsa como solicitante, conseguiu, coa súa nova proposta, unha cofinanciación dun 80% dos fondos FEDER, para un total de 11,5 millóns de euros. O proxecto deseñouse en dúas fases, a primeira fase, adxudicada en abril do ano pasado á UTE formada por Altia, Ilux, Indra e R, consistiu no deseño e posta en marcha da plataforma tecnolóxica, á que se chama o cerebro da cidade.
Os 10 pilotos que se atopan en fase de execución son: o piloto de aparcadoiro intelixente, eventos multicanal, sistema de calidade de augas e alerta temperá, telexestión de contadores, telexestión de redes de abastecemento, eficiencia enerxética en edificios municipais, rega intelixente, sistema de visitas guiadas, administración electrónica e sistema de calidade de aire e ruído. A estes dous hai que sumar os dous proxectos que están a piques de adxudicarse: o de mellora enerxética na ETAP da Telva e un sistema de optimización do tráfico. Os 14 proxectos piloto completaranse cos dous que acaban de saír a licitación: o de interacción cidadá e o BIO.
Desde a súa posta en marcha, o proxecto recibiu importantes recoñecementos como o de Mellor iniciativa dunha administración por parte dos Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia; pero tamén por parte do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; o recoñecemento da Fundación Dintel; a declaración como Cidade da Ciencia e a Innovación; ser elixida 1 das 6 finalistas de entre as 200 iniciativas presentadas, na categoría de proxectos dos World Smart Cities Awards, consolidando A Coruña como unha cidade referente do noroeste español; ou máis recentemente, Mención de Honra á mellor Compra Pública Innovadora 2014 por parte da Comisión Europea que recoñece os procesos de contratación e compra de servizos e produtos máis innovadores de Europa.











