A Escola Municipal de Atletismo ten en Vigo a súa primeira competición federada este sábado
Preto de medio centenar de atletas da Escola Municipal de Atletismo da Sociedade Ximnástica, desprazaranse ao Estadio de Balaídos en Vigo, para participar o sábado na liga escolar federada que organiza a Federación.
Ás once menos cuarto da mañá comezará a competición, que se alargará ata pouco antes das dúas da tarde e no que a Ximnástica presentará aos seus equipos da categoría benxamín, tanto en homes como en mulleres, os dous combinados alevíns e os outros dous infantís; un total de 6 equipos que tentarán coarse na Fase Final; unha final na que estivo a Ximnástica o ano pasado cos seus dous equipos infantís.
O principal obxectivo dos monitores da Escola pasa por que os atletas coñezan de primeira man o que é unha competición de verdade e para aqueles que xa levan varios anos nas Escolas coñecer o seu estado de forma.
Ás 9:30h da mañá, o groso de atletas sairán para Vigo, desde o Pavillón Municipal de Deportes.











