A Escola de Conservación acolle unha mostra de réplicas de pezas arqueolóxicas
A sala de exposicións da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia acolle desde esta tarde a mostra “¿Orixinal ou copia? As reproducións na conservación do patrimonio”, coa que se pretende dar a coñecer o proceso de elaboración de réplicas exactas de obras artísticas ou pezas arqueolóxicas, así como o papel fundamental que neste campo desenvolven os restauradores e conservadores.
A mostra, que será inaugurada esta tarde pola deputada Ana Isabel Vázquez e o director da Escola, José Antonio Quinteiro, forma parte da estreita colaboración que as dúas institucións manteñen desde hai anos e que se pretende reforzar proximamente.
De feito, o obxectivo é establecer novos mecanismos para impulsar a dinamización cultural da cidade por medio da organización e promoción conxunta de exposicións, xa non só nas salas do Museo senón na propia sala de exposicións da Escola. Trátase dun traballo que, ó tempo que reforza a actividade cultural en Pontevedra, servirá de apoio á formación do alumnado e para difundir o labor da Escola de Restauración.
No que respecta á propia mostra, estará aberta ata o 19 de decembro en horario de 17:00 a 21:00 h e estrutúrase en cinco seccións. A través delas o visitante poderá achegarse ós diferentes procedementos de reprodución, en función do tipo de pezas, materiais ou técnicas utilizadas.
Así, na sección de metais poderán contemplarse, por exemplo, orixinais de machadas de talón, e na sección de pedras cobran protagonismo as biface. Tanto nun caso coma no outro o observador poderá facerse unha idea clara do proceso de reprodución, porque terá ante si o orixinal de cada peza, o molde e a correspondente réplica.
O mesmo sucede na sección de arqueoloxía, onde o que se vai poder observar serán ósos e hastas de animais; e na sección de escultura, onde non só haberá exemplos de procesos rematados, senón de moldes en elaboración, que permitirán afondar aínda máis no detalle do proceso de replicado.
Na quinta sección poderán contemplarse copias de petróglifos elaboradas pola Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, que teñen, en si mesmas, un gran valor histórico, xa que son os únicos vestixios que quedan da existencia destas insculturas rupestres das que non se conservan os seus orixinais.
Finalmente, o proceso de elaboración da réplica do Tímpano de Palmou será a peza estrela da mostra. Trátase dun tímpano realizado en granito e datado entre 1150 e 1160, pertencente á igrexa de San Xoán de Palmou (Lalín) e recuperado en 2005 grazas á iniciativa da Deputación de Pontevedra, que agora impulsa tamén a elaboración dunha réplica que poida instalarse no seu lugar orixinal.
O proceso de reprodución, realizado no propio Museo de Pontevedra pola Escola de Restauración, poderá verse en detalle na mostra. Incluíu dúas reproducións: unha en escaiola, para que a Escola de Canteiros a replique en granito, e outra en morteiro para o Museo da ONCE, co obxectivo de que as persoas invidentes poidan tocala e percibila.
Accesibilidade total
De feito, esta función de difusión da arte e o patrimonio entre as persoas con discapacidade é unha das funcións das réplicas, xa que moitas veces algúns recursos non poden ser gozados por este colectivo, ben porque non se poden tocar (no caso das persoas cegas) ou por estar localizadas en lugares inaccesibles para persoas con problemas de mobilidade.
Atendendo a isto, a mostra que hoxe se inaugura é “completamente tocable” e, ademais, conta coas correspondentes explicacións en Braille, realizadas en colaboración coa ONCE.
Diferentes procedencias
As pezas expostas (orixinais, moldes e réplicas) proceden tanto da Escola de Restauración coma doutras institucións, entre as que figuran o propio Museo de Pontevedra, de onde proceden a colección de petróglifos ou o tímpano de Palmou; o Concello de Pontevedra, que cedeu a man orixinal da Estatua de Colón; ou Factum Arte, que prestou unha réplica feita coa técnica de láser dun capitel románico da igrexa de Tudela, que permitirá percibir a diferenza entre as réplicas obtidas con métodos tradicionais e as conseguidas coas novas tecnoloxías.











